Onte entregáronse os premios do concurso Lingua de namorar, edición 2016, cuxas gañadoras e gañadores xa avanzamos hai uns días dende Código Cero. No acto participaron, amais das autoras e autores das mensaxes vencedoras, os conselleiros de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e de Política Social, José Manuel Rey Varela. Sinalar que o certame foi convocado, unha vez máis, co obxectivo de promover o uso da lingua propia de Galicia na mocidade a través dos medios con que aquela se comunica na súa vida cotiá, “entre os que a Internet e os diferentes sistemas de mensaxería instantánea son fundamentais”.
A respecto do devandito, Román Rodríguez comentou no acto que “o galego é unha lingua vital, e proba diso é o feito de que está entre os trinta idiomas, dos 6.000 que se falan no mundo, que máis presenza teñen na Internet”. Tamén aproveitou para lembrar que o certame encamíñase a visualizar o valor do galego “para a sociedade cada vez máis tecnolóxica que nos agarda, amais de ser un novo estímulo para que os mozos e mozas empreguen o galego con normalidade no seu día a día, en calquera situación e en calquera soporte”.
Pola súa banda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, explicou que “programas como Lingua de namorar non só serven para fomentaren entre os rapaces e rapazas o uso do galego, senón que tamén permiten amosar a capacidade creativa e o talento dos mozos e mozas”. Ademais, defendeu “a utilidade do galego en todos os ámbitos, contextos e momentos da vida”.
Os participantes nesta edición do certame, á que se presentaron un total de 223 composicións, tiveron que achegar mensaxes de amor escritas en lingua galega, en prosa ou en verso, cunha extensión máxima de 350 caracteres, incluídos os espazos en branco.
Na categoría de entre 14 e 19 anos, resultou galardoada co primeiro premio Sabela Domínguez Souto, de Verín, pola mensaxe Nese intre. O segundo premio recaeu en Sara Caride Blanco, de Cambados, coa creación titulada A perda de tempo. O terceiro premio foi para Xeila Rey Cambados, de Vilanova de Arousa, con Por fin!. As premiadas recibiron, respectivamente, un teléfono móbil intelixente, un dron con cámara de vídeo e unha torre de son con Bluetooh, amais de cadanseu diploma acreditativo.
Na categoría de entre 20 e 35 anos, a gañadora foi Alba Dono Costoya, de Ordes, con De laranxas e grelos. O segundo premio correspondeulle a Clara Presedo Rama, da Coruña, pola mensaxe Percepción. O terceiro premio outorgóuselle a Juan Manuel Sánchez Pardo, tamén da Coruña, polo texto titulado Sen batería. Os galardoados obtiveron, respectivamente, unha cámara réflex, un reloxo intelixente e un disco duro externo; ademais de cadanseu diploma acreditativo.
Os textos gañadores tamén contaron coa versión musical elaborada polo cantautor Manoele de Felisa, que interpretou cada un deles durante a entrega dos premios.
Todas as mensaxes participantes pódense ler na páxina do concurso, así como no Portal da Lingua Galega, Lingua.gal
Entregados os premios da edición 2016 de Lingua de namorar
Compartir Este Artigo

