Os servizos de consumo de contidos mediante subscrición a xeito de tarifa plana son unha tendencia imparable, e ao igual que na música temos Spotify, no audiovisual temos Netflix e no literario temos Kindle Unlimited, agora a plataforma líder a nivel mundial de lectura de cómics en formato dixital, ComiXology (actualmente propiedade de Amazon) anímase a tirar por este camiño e lanza nos EE.UU. comiXology Unlimited, un modelo de subscrición que por 5,99 dólares/mes ofrece o acceso a milleiros de obras de banda deseñada de editoras como Image Comics, Dark Horse Comcis, IDW Publishing, BOOM! Studios, Oni Press, Archie Comics, Valiant Entertainment ou Fantagraphics Books, ou sexa, as principais firmas do sector despois de Marvel e DC, que mantéñense á marxe desta proposta.
Entre a listaxe inicial de obras dispoñibles podemos atopar Ataque a los Titanes, Aliens, The Boys, Buffy Cazavampiros, Conan, Cazafantasmas, G.I. Joe, Hellboy, Lazarus, Red Sonja, Scott Pilgrim, Spawn, Star Trek, Outcast, Muertos Vivientes, Usagi Yojimbo, Transformers, Saga e incluso o Bella Muerte da galega Emma Ríos, descoñecéndose polo momento o ritmo de renovación que terá este catálogo e a fiestra de protección que terán os novos lanzamentos (a Marvel tarda 6 meses en ofertar as súas novidades a través de Marvel Unlimited).
Este tipo de plataformas non ofrece de vez todo o seu catálogo para evitar erradicar o negocio da venda e tamén para facilitar o achegamento do público ás obras, xa que resultaría abafante para os lectores ter que moverse por un catálogo con máis de 100.000 obras.
Aínda que polo momento este servizo de subscrición limítase a EE.UU., dende comiXology admiten estar a traballar na internacionalización do servizo que pode gozarse en numerosos dispositivos (ordenadores, tabletas e smartphones) facilitando así o consumo tanto con conexión á Rede como fóra de liña.
ComiXology estrea “o Netflix dos cómics”
Compartir Este Artigo
