Esta semana presentouse en Lugo un innovador proxecto multimedia de promoción do Mercado de Quiroga Ballesteros e máis da Praza de Abastos. A iniciativa vén da man do Concello, o grupo El Progreso e a Fundación TIC (Deputación). Trátase, en detalle, dun “paper monográfico” adicado aos devanditos emprazamentos comerciais con páxinas dixitais que dan acceso táctil a vídeos realizados por un equipo de estudantes da Fundación, e tamén a textos e fotos de xornalistas e reporteiros do dito medio local.
O presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; e a presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro, presentaron este martes o documento audiovisual, nun acto que se celebrou na propia praza ao que tamén asistiu o patrón da TIC, Álvaro Santos, e outras autoridades.
A publicación pódese consultar a través da web da TIC, fundaciontic.org, que tamén lle dará difusión nas redes sociais, e na web do xornal, a canle dixital galiciae.com. “A peculiaridade do traballo”, explicaron, “é que dá a opción de acceder aos contidos pasando as follas, nas pantallas táctiles de ordenador, tableta, ou de calquera dispositivo móbil”. Segundo engadiron, un equipo de profesionais, bolseiros e alumnos da TIC encargouse de todas as xestións e do traballo de produción preciso para levar adiante o proxecto, inserido na promoción destes espazos sociais e comerciais recentemente remodelados.
A Fundación tamén se ocupou da filmación e da realización de fotografías de cada un dos postos da praza e o mercado municipais (55 vídeos que serven de presentación dos distintos postos e nos que se inclúen explicacións, receitas e curiosidades narradas polos empresarios que rexentan os establecementos comerciais e de hostalería).
A Praza e o Mercado de Lugo locen proxecto multimedia de promoción
Compartir Este Artigo

