Unha páxina para poñernos ao tanto de todo o relacionado cos vindeiros comicios autonómicos. Así se presenta a nova proposta web da Xunta de Galicia, xunta.gal/eleccions2016, unha ferramenta que ademais de ser informativa, quere ser “rápida e sinxela”, amais de útil (por exemplo, facilita o voto exterior). O obxectivo xeral: achegar aspectos xerais e resolver dúbidas sobre as eleccións ao Parlamento de Galicia do vindeiro 25 de setembro. “A través desta páxina”, informa a Xunta, “poderemos consultar todos os documentos oficias que se utilizarán nos comicios galegos, que se irán incorporando de maneira paulatina de acordo cos tempos electorais”.
A web estruturase en tres apartados: Documentos relacionados, Normativa e Enlaces relacionados. Na primeira das seccións poderemos descargar a solicitude do voto por correo para os residentes no exterior ou CERA, así como as instrucións económico-administrativas para os presidentes/as das xuntas electorais e para os/as delegados/as das xuntas electorais de zona (secretarios/as dos concellos).
O apartado adicado á normativa ofrecerá ligazóns ao DOG na que se poderán consultar os decretos de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións; e o que establece as normas sobre os medios materiais que se utilizarán nas eleccións galegas. Ademais, en palabras da Xunta, “tamén será de consulta directa o decreto polo que se fixan as gratificacións e indemnizacións que percibirán os membros da Administración electoral en Galicia e o persoal ao seu servizo, os xuíces de primeira instancia ou de paz, representantes da Administración da Comunidade Autónoma nas mesas electorais, así como o persoal da Xunta de Galicia, co gallo das eleccións ao Parlamento de Galicia 2016”.
No terceiro apartado estarán accesibles os resultados das eleccións anteriores, dos anos 1981 a 2012.
O Goberno galego pon en marcha unha páxina para resolvernos dúbidas sobre as vindeiras eleccións
Compartir Este Artigo

