Esta semana soubemos de importantes novas relacionadas coa conversión smart das nosas cidades. Ou sexa, coa transformación dos lugares nos que vivimos en lugares mellor xestionados, máis próximos aos cidadáns, máis sustentables, máis eficientes, máis abertos e participativos e mellor conectados. Estas “novas” xiran arredor da II Convocatoria de Cidades Intelixentes do Ministerio de Industria, unha convocatoria na que vai concorrer de cheo o proxecto Lugo Smart City (do que falamos onte en Código Cero, salientando os seus 4,1 millóns de euros de orzamentos obtidos) e na que tamén participan outras dúas urbes galegas: A Coruña e Santiago. Farano de maneira conxunta a través da Plataforma de Goberno Aberta, Colaborativa e Interoperable. Nesta plataforma tamén participan Madrid e Zaragoza.
A esta convocatoria presentáronse un total de 111 proxectos procedentes de toda España, concellos de máis de 20.000 habitantes (concellos, mancomunidades, cabidos, consells e deputacións), e comunidades uniprovinciais. A proposta do Ministerio de Industria abrangue ampliar o investimento inicialmente previsto de 48 millóns de euros a 63 vía Red.es, co co-financiamento do Fondo europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
A plataforma conxunta da Coruña, Compostela, Madrid e Zaragoza recibirá a través do devandito programa un investimento de 2.090.461,80 euros, achegados por Red.es (o 60%) e polos propios concellos (o 40%). Artéllase en varias frontes de traballo. Por exemplo unha liña que contempla a posta en marcha dunha infraestrutura que impulse o que se coñece como “goberno aberto”. Ou sexa, unha infraestrutura que visualice ao máximo, a través das redes, a información que manexa cada Concello, e que tamén sirva para dar forma as ferramentas que optimicen a participación da cidadanía. Ademais, desenvolveranse portais de transparencia enlazados con datos abertos. Nun plano máis concreto, as actuacións programadas abranguen, entre outras medidas, o deseño de procesos de participación, a xeración e implantación de software de xestión de propostas, un software de votación e un sistema de xestión de votacións.
O proxecto no que concorren A Coruña e Santiago foi o único dos elixidos se presentou de maneira conxunta entre varias cidades.
Vía libre de Red.es ao proxecto smart conxunto da Coruña e Compostela
Compartir Este Artigo

