
Con ela, sinalou Santé, poderemos ver e localizar fotografías da paisaxe, actuais e pasadas, e tamén achegar “a nosa propia visión e perspectiva”, enviando e compartindo as nosas imaxes. “Trátase dun sistema de información xeográfica voluntaria e de participación, que consiste en utilizar a web para recoller, catalogar, indexar e distribuír información xeográfica proporcionada voluntariamente”, sinalou a directora do IET, engadindo que a plataforma ten un duplo obxectivo: por unha banda amosar fotografías de paisaxes de Galicia, nas que o usuario pode identificar o ámbito xeográfico dende o que foron obtidas, e pola outra fomentar a participación cidadá a través do envío de imaxes para a súa incorporación ao sistema.
A ferramenta, que se pode empregar de cheo dende un computador ou dispositivo móbil, será piar básico dun sistema de información gráfica e documental sobre a paisaxe galega. En palabras de Inés Santé, “isto resultará de gran utilidade para a xestión e planificación da paisaxe, xa que facilitará a análise das dinámicas paisaxísticas e das causas que deron lugar aos diferentes tipos de paisaxe”. E engadiu: “O obxectivo é que a xente envíe non só imaxes actuais, senón tamén fotografías históricas, o que permitirá facer unha comparación e analizar as transformacións da paisaxe”.
A maiores, fixo fincapé noutras das grandes utilidades potenciais da plataforma: localizar e visualizar lugares degradados e pór en marcha iniciativas axeitadas de optimización. “Estamos perante unha plataforma interactiva na que o usuario pode indicar o principal valor que, na súa opinión, posúe a paisaxe representada na fotografía e, a partir destes datos, poderase analizar o carácter e os valores paisaxísticos de cada unidade de paisaxe”, engadiu. A idea é que as achegas da comunidade internauta contribúan a unha mellor xestión da nosa contorna xeográfica. En palabras de Santé, “non só se trata dun sistema gráfico sobre a paisaxe, senón que tamén proporcionará datos para a análise da evolución histórica e o seguimento das dinámicas paisaxísticas actuais”. A directora do ITE tamén animou ás galegas e galegos a participar na plataforma e incrementar a cifra de fotos, que polo de agora rolda as trescentas.
Medio Ambiente achega plataforma web para compartir e protexermos as nosas paisaxes
Compartir Este Artigo

