A Cámara de Comercio de Santiago vén de presentar a súa candidatura para participar en catro novos proxectos europeos, no marco do programa de cooperación Interreg (primeira convocatoria do Espazo Atlántico para 2014-2020). As catro candidaturas da Cámara de Santiago resolveranse no mes de setembro. Un destes catro proxectos é INRECITO: Innovando no comercio para reforzar o turismo na cidade. Como o seu propio nome indica, diríxese a fomentar novos xeitos de traballar no comercio para fortalecer nos espazos urbanos a capacidade de atracción de turistas. En termos máis concretos, facilitará a transferencia tecnolóxica de coñecemento entre os comerciantes, investigadores, autoridades locais e consumidores nas cidades socias a nivel local e transnacional.
Buscarase axudar aos comerciantes en distintas áreas: identificación das necesidades dos clientes, innovación no deseño dos espazos, da disposición do produto e dos sistemas de pago e entrega, mellorando a experiencia do cliente, tanto en tenda como en liña, de modo que se poida aumentar a eficiencia dos recursos e a rendibilidade dos negocios.
Liderados pola Câmara Municipal de Loulé (Portugal) participan socios españois (Concello de Pamplona, Cámara de Comercio de Sevilla, Sociedad de Desarrollo de Santa Cruz de Tenerife) o irlandés Cork City Council, os franceses Laval Mayenne Technopole e Caen Metropole, e o inglés Manchester Metropolitan University.
A Cámara presentouse tamén ao proxecto PAT: Promoción do Talento Atlántico (que busca mellorar a capacidade de innovación do Espazo Atlántico por medio da capitalización dos talentos como impulsores conxuntos da innovación) e á iniciativa ScaleUpSilver (que ten como obxecto impulsar a innovación e a diversificación económica mediante o desenvolvemento de novas oportunidades de negocio ao redor da economía da terceira idade, fomentando a posta en marcha e internacionalización de novas empresas no ámbito do envellecemento activo).
Por último, achegou tamén a súa candidatura ao proxecto CCC: Connected Cultural Camiños. Este último diríxese a pór en común a entidades pertencentes a contornas xeográficas que se atopan situadas en rutas culturais e patrimoniais de Europa, especialmente dos Camiños. Segundo informa a Cámara de Santiago, “é un proxecto cun marcado compoñente de promoción turística, liderado en Galicia por Turismo de Galicia, e con socios irlandeses, ingleses e portugueses”. O papel da Cámara de Santiago centrarase na dinamización socioeconómica do Camiño de Santiago na contorna compostelá.
A Cámara en Santiago apúntase a catro proxectos europeos de modernización tecnolóxica
Compartir Este Artigo

