Durante as viaxes, e máis concretamente durante as viaxes de negocio, a ciberseguridade cambalea. Así o certifican as cifras dun dos últimos informes da firma de protección informática Kaspersky, un estudo recente sobre desprazamentos comerciais e seguridade feito sobre unha base de 11.850 persoas de todo o mundo. Segundo a análise, a necesidade de mantérmonos conectado pola presión do traballo cando estamos lonxe fai que non teñamos en conta algunhas medidas fundamentais cando se conectan a Internet. No informe dise, entre outras cousas, que un 15 % dos empregados españois foi obxecto de cibercrime mentres se atopaba no estranxeiro, e case un terzo eran directivos (32%) en viaxe de negocios.
Ademais, a metade dos españois que viaxan por traballo (52%), e ata un 62% dos altos directivos, afirma non ter mudado o seu comportamento en liña no estranxeiro, malia atoparse lonxe da seguridade das redes corporativas e de manexar datos confidenciais que precisan dunhas normas mínimas de confidencialidade.
Por outra banda, na investigación tamén se di que o 57% dos traballadores españois con altos cargos afirma tentar iniciar sesión de rede o máis rápido posible cando chegan ao estranxeiro “porque esa é precisamente a previsión na súa compañía”. Basicamente, arribar á terminal de chegadas dun aeroporto e conectarse con cadanseus dispositivos é a mesma cousa para case a metade dos enquisados. Semellante porcentaxe dos mesmos acceden a redes Wi-Fi non seguras para conectar os seus dispositivos cando se atopan de viaxe. Ademais, dous de cada cinco directivos e xerentes (43% e 41%, respectivamente) usa o Wi-Fi para enviar mensaxes de correo electrónico con arquivos adxuntos con información sensible ou confidencial.
Unha das razóns que explica este comportamento, informa Kaspersky, débese “á crenza xeneralizada de que os dispositivos de traballo son máis seguros que as ferramentas de comunicación privadas, con independencia da súa conectividade”.
Case a metade dos directivos acceden a Wi-Fi non seguro durante as súas viaxes
Compartir Este Artigo

