
A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia anunciou hoxe un incremento de 100 prazas nas probas telemáticas de certificación do coñecemento do galego (CELGA en liña), no marco do no Plan Xeral de Normalización da lingua galega. Así o explicou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, que xunto co director da Axencia para a modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Damián Rey, seguiu o desenvolvemento desta proba que celebra a súa segunda edición e na que participan 200 persoas.
Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor o traballo da Xunta “para mellorar as oportunidades ao redor dos CELGA, implementando os cursos en diversas modalidades, tanto semipresencial como en liña”. Engadiu, ademais, que “este traballo encádrase no traballo feito pola Administración autonómica para desenvolver as primeiras 50 medidas nos 100 días posteriores á aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega no Parlamento co apoio da maioría dos grupos con representación na Cámara”.

Por outra banda, Valentín García apuntou que co cumprimento desta medida “facilítase compatibilizar a aprendizaxe do galego coa vida familiar e laboral e tamén o acceso ás probas desde calquera lugar”. “Así se recolle no Plan”, puntualizou antes de engadir que no documento precísase que este proceso vaia acompañado de recursos interactivos, foros e titorización flexible “para mellorar o coñecemento do idioma de maneira autónoma”.
Salientou tamén que “Galicia é pioneira con esta proposta, ao converterse na primeira Comunidade das que contan con idioma cooficial en implantar este tipo de probas de maneira telemática, co obxecto de que calquera persoa poida avaliar as súas competencias en lingua galega”. De feito, dixo, “nesta convocatoria concorreron solicitantes de varios puntos de España, así como do Brasil, de Chile, de Venezuela, do Perú, da China, de Alemaña, de Italia, de Romanía e de Portugal”.


