A nova empresa asturiana Genei vén de informarnos dunha solución tecnolóxica de seu para pór remate ás incomodidades de acudir a unha manchea de firmas de reparto e transporte para obter as condicións e prezos máis acaídos para os nosos intereses. Falamos do comparador do mesmo nome, Genei, que traballa con boa parte das principais axencias de transporte do noso mercado (Seur, Correos Express, TNT, UPS, Envialia, Zeleris, Nacex, ASM ou Tourline Express, entre outras) e que permitiría ao usuario, en base á información achegada polas ditas firmas, acadar aforros de ata un 70% nos seus envíos estatais e internacionais. “A nosa tecnoloxía”, informan os creadores do comparador, “pode ser unha estupenda solución para os negocios de comercio electrónico, PEME e autónomos que queren reducir custes nos envíos dos seus paquetes”. E engaden: “Só é cuestión de aproveitar as promocións e descontos que se ofrecen con regularidade”.
Por certo que Genei non só abrangue o ámbito empresarial, senón que “cobre tamén o amplo espectro de particulares que queiran enviar ao mellor prezo posible un agasallo, un paquete, unha bicicleta, unha guitarra, un sobre ou unha documentación calquera a un amigo ou a un familiar”.
Segundo explican, o funcionamento da plataforma “é do máis sinxelo”. Así, en só un par de minutos, poderemos concretar o envío sen necesidade de realizar desprazamentos: unha vez enchido formulario cos datos de orixe, destino, peso e medidas do noso envío, o sistema proporcionaranos as tarifas e servizos das distintas axencias de transportes, “onde só teremos que escoller aquela que máis se axuste ás nosas necesidades, valorando ademais do prezo, os prazos de entrega e opinións doutros usuarios”.
Unha vez que concretemos e paguemos o servizo, xa sexa con cartón de crédito ou por Paypal, embalaremos o vulto e agardaremos a que pase a recollelo o mensaxeiro para carrexalo ao enderezo indicado.
O comparador de axencias de transporte Genei promete aforros en envíos de ata o 70%
Compartir Este Artigo

