A Aula CeMIT (Centro para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica) do Concello de Celanova e AMTEGA vén de facer reconto do que significou o pasado ano 2015 e o resultado tradúcese nun total de 112 novos usuarios na devandita aula, inserida na Rede de Aulas CeMIT de Galicia, 112 usuarios que sumados aos que xa había, fan un total de 825. Analizando estes datos obtemos un 42% de homes e pola contra un 58% de mulleres cunha media de idade de 43 anos, e cunhas porcentaxes de coñecementos que fican así: un 32% sen coñecementos, un 30% con coñecementos moi básicos e xa un 35% con coñecementos a nivel usuario e cun 3% usuarios con coñecementos avanzados.
Asemade, no ano 2015 impartíronse 64 actividades formativas (cursos, charlas, seminarios e videoconferencias) que suman un total de 913 horas formativas de diversa temática e niveis: Iniciación á informática; Desenvolvemento de páxinas web con WordPress e Blogger; Cursos de informática para a mocidade; Enredos na Rede para os máis cativos; Ofimática en Software Libre; Edición de imaxes e video; Seguridade TIC; Contabilidade para pequenas e medianas empresas; Aprender a xestionar correctamente os Smartphones, Redes Sociais e a Comunicación en tempo real.
Púidose asistir, a través de videoconferencia, a seminarios como: Marketing de atracción. Deixade que os turistas se acheguen a min; Potencia a web do teu establecemento turístico; Desenvolvemento de aplicacións con Angular.js; ou A terceira plataforma tecnolóxica; cloud, mobilidade. Alén disto, tamén se achegaron oportunidades para obter a Certificación Galega de Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX) mediante probas presenciais convocadas pola AMTEGA.
Dende a Aula CeMIT de Celanova ofrécense a resolver todas as dúbidas solicitadas durante o horario de aula aberta, tempo no que a aula está á disposición dos usuarios para estudar, traballar, pasar un intre de lecer ou resolver dúbidas tecnolóxicas que poidan xurdir. Nese espazo cóntase con Facebook, Twitter e Blog, amais da páxina web oficial da Rede CeMIT, dende a que se fai a publicidade das distintas actividades ao longo do ano. Para estar o día só cómpre seguila nas Redes Sociais, ou enviar un correo electrónico a través do cal farán chegar as novas sobre as actividades a realizar na aula.
A Aula CeMIT de Celanova chegou aos 825 usuarios
Compartir Este Artigo

