
Segundo explica o CPEIG dende a súa web, a actualización dos textos remóntase ao ano 2013, pola necesidade de adaptalos aos cambios normativos xurdidos, na súa maior parte a partir da coñecida como “Lei Ómnibus”, que é como se chama popularmente á Lei 25/2009 para a modificación de diversas normas legais e súa adaptación á lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. “Desde aquela”, explica o colexio, “producíronse alegacións da Xunta de Galicia, un informe do Consello de Colexios, a aprobación dos estatutos do Consello Xeral de Colexios, un novo informe do Goberno galego, alegacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e do Consello de Colexios, e novas alegacións da Xunta que conforman a traxectoria da modificación dos estatutos xa publicados no DOG.
Algunhas modificacións salientables
Entre os cambios máis destacados, o novo redactado permite a colexiación dos novos títulos de máster, adaptados ao Espazo Europeo de Ensinanza Superior (EEES). Asemade, o artigo 4 sinala explicitamente, na súa nova redacción, a posesión do título de Enxeñaría en Informática. Fíxase desta maneira: “O Colexio agrupará baixo a denominación de membros colexiados de número as persoas españolas e estranxeiras que exerzan a profesión de enxeñaría en informática por estar en posesión do título de Enxeñaría en Informática, dun título universitario oficial vinculado coa profesión de enxeñaría en informática ou ben se atopen en posesión dun título universitario debidamente homologado ou declarado equivalente ao anterior polo ministerio competente”.
Pola contra, na versión xa derrogada sinalábase: “Por estar en posesión dun título universitario oficial vinculado coa profesión de enxeñaría en informática ou ben se atopen en posesión dun título universitario debidamente homologado ou declarado equivalente ao anterior polo ministerio competente”.
O CPEIG tamén fai fincapé no artigo 11, que sinala que o requisito para ser colexiado é “estar en posesión do título de Enxeñaría en Informática, dunha titulación universitaria oficial vinculada co exercicio da profesión de enxeñaría en informática, ou ben atoparse en posesión dunha titulación universitaria”, cando na anterior redacción non se sinalaba especificamente a devandita titulación.
O CPEIG xa conta oficialmente con novos estatutos
Compartir Este Artigo

