O Centro Tecnolóxico Gradiant é a día de hoxe un referente en materia de Industria 4.0: unha das principais punta de lanza europeas no que se coñece como a Cuarta Revolución Industrial. Neste ámbito xeral de actividade innovadora (un ámbito que se diferencia das anteriores “revolucións”, principalmente, polo importante papel que xogan os datos e as novas tecnoloxías da información) o centro galego achega a súa experiencia e competencias clave para cousas como o seguimento de procesos, o desenvolvemento e despregamento de plataformas e sistemas de control ou o fornecemento de sistemas robustos de comunicacións en tempo real.
O que é a Industria 4.0
Trátase dun novo modelo de facer as cousas, de producir, que implica un gran cambio no paradigma de fabricación por todos coñecido: agora os datos importan e teñen gran utilidade para facer eficiente a cadea produtiva, para probar a fondo un produto antes de lanzalo ou para axustar ao máximo custes operativos. Suporá, entre outras consecuencias directas, a integración dos Sistemas Ciber-Físicos (CPS) na fabricación, a loxística e o uso da Internet das Cousas e os servizos nos procesos industriais. Segundo informa Gradiant, a Cuarta Revolución Industrial non só se dará nas factorías, nos puntos de venda ou nos procesos de loxística: pola contra, abranguerá toda a cadea de valor. “A hiperconectividade e a interoperatividade, a aparición de tecnoloxías como a Computación na Nube ou a Internet das cousas, a Analítica de Datos ou a sensorización masiva, ofrecen grandes e novas posibilidades á industria, e sobre todo expoñen novos retos a resolver”, explican fontes do centro tecnolóxico galego, engadindo que a Industria 4.0 empregará eses novos recursos tecnolóxicos para “reducir custos, mellorar os tempos, e conseguir mellorar a eficacia e a eficiencia en toda a cadea de valor”. Porén, engade Gradiant, son precisas transformacións parellas que permitan un óptimo asentamento da Industria 4.0, co fin de permitir o máximo e máis axeitado pulo. Por unha banda, requirirase un novo modelo de traballo fabril: amais de demandarse perfís distintos, esixiranse outras dinámicas, outros horarios e distintas prioridades (a industria necesitará man de obra máis cualificada, que cambiará o traballo manual ou fabril polo software). Por outra banda, será precisa máis seguridade. De feito, de proliferar as máquinas e os dispositivos conectados á Rede, incrementarase o risco de ataques en potencia. “Son necesarios sistemas seguros de protección e medidas de salvagarda dos datos que poidan evolucionar e adaptarse a diferentes contornas e que sexan efectivas”, explica Gradiant.
O que achega Gradiant
No devandito modelo de industria que xira arredor dos datos teñen especial importancia as tecnoloxías de Gradiant no eido da Analítica de Datos. Estas, entre outras cousas, permiten achar e predicir fallos e optimizar e simular procesos industriais. O centro tecnolóxico tamén destaca os seus desenvolvementos para a protección da información crítica nos procesos industriais ao longo de todo o seu ciclo de vida (transmisión, almacenamento e procesado). En concreto, Gradiant achega ao sector 4.0 os seguintes puntos de acción: conectividade mediante IoT industrial e sistemas encaixados; sistemas de comunicacións ad-hoc para contornas industriais; Analítica de Datos e Información Masiva (Big Data) para análises, optimización de procesos e predición de eventos; Despregamento e xestión de infraestruturas TI e cloud; e seguridade da información.
Big Data ou información masiva
O ámbito dos datos inxentes (Big Data) e da súa análise exhaustiva (Data Analytics) constitúe unha das principais contornas de traballo do Centro Tecnolóxico Gradiant, dándose a circunstancia, ademais, de que o Big Data é un piar fundamental na construción da Industria 4.0. A todos os niveis, falamos dun eido especialmente acaído para o xurdimento de cousas que garantan o óptimo crecemento da nova revolución industrial: cousas que permitan crear novos modelos de negocio, descubrir novas ofertas de produto ou monetizar os datos. Así o certifica un informe recente de Accenture sobre a innovación en España, no que se di que as firmas máis innovadoras usan Big Data e Data Analytics, principalmente, para descubrir novo negocio (94% de media), aumentar os índices de retención e de adquisición de clientes (86%), e para desenvolver novos produtos e servizos (82%). “Os datos”, sinala Gradiant a respecto do devandito, “son un dos activos máis valiosos e menos explotados de calquera organización ou empresa”. Xestionalos e extraer o seu valor oculto significa vantaxes competitivas innegables, explica o centro tecnolóxico, que engade que o devandito permitiría “tomar decisións estratéxicas mellor informadas, predicir resultados, anticiparse aos mercados, obter mellores rendementos e mellorar a operativa das organizacións”.
Gradiant, referente en tecnoloxías para transformar a industria en Industria 4.0
Compartir Este Artigo

