Con motivo do achado dun novo dolmen en Vimianzo pendente de inventariar (unha mámoa cunha anta interior emprazada na parroquia de Cambeda), o Concello vén de lembrar que para a semana vindeira celébrase na Casa da Cultura local o segundo simposio O megalitismo da Costa da Morte no seu contexto atlántico, trala primeira edición realizada hai unha década en Carballo. O congreso, coordinado polo profesor Antón Abel Rodríguez Casal, desenvolverase os días 2, 3 e 4 de setembro. Nel analizaranse os monumentos da contorna, as intervencións feitas para recuperalos e catalogalos e, tamén, as vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías da información para “achegar novas visións e interpretacións do mundo megalítico en xeral, e nomeadamente o caso da Costa da Morte”.
As conferencias clausuran o domingo cunha visita arqueolóxica aos monumentos coa participación do poeta Miro. O programa ao completo pódese consultar na web municipal, do mesmo xeito que se pode realizar a inscrición on-line. Entre outras cousas xeiras de debate e traballo, a cita incluirá unha exposición a cargo de tres investigadores da Universidade de Santiago (Miguel Carrero, Alia Vázquez e Benito Vilas) dalgunhas das principais propostas tecnolóxicas actuais para o estudo do megalitismo, recursos como a arqueoloxía espacial, a fotogrametría, o modelado en 3D o a arqueoastronomía.
As tecnoloxías ao servizo dos traballos arqueolóxicos galegos, a debate en Vimianzo
Compartir Este Artigo

