Entre os proxectos seleccionados este ano para participar na terceira edición do centro de empredemento e crowdworking de Telefónica na Cidade da Cultura (a iniciativa Galicia Open Future) atópase un portal galego con potencial para mellorar ao máximo a formación do noso persoal sanitario e, en consecuencia, a atención que recibimos en materia de saúde. Falamos do portal Formantia.es, espazo web galego especializado na preparación de oposicións, cursos acreditados e baremables, así como na formación continuada a través de e-learning (aprendizaxe a distancia apoiada no uso das novas tecnoloxías). Foi impulsado por dous irmáns naturais de Foz, Eladio e Berta Candia. Segundo fan saber, portal, recursos en liña e educadores están a disparar as taxas de éxito nos exames.
Berta é a responsable da Unidade de Calidade do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e conta con máis de 20 anos de experiencia no ámbito da formación. Eladio ten tamén unha ampla experiencia ás súas costas nesta mesma área, pero no seu caso na odontoloxía e hixiene bucodental.
Segundo informan Berta e Eladio, os resultados acadados polo portal están a “ser moi positivos”. De feito, sinalan, nas pasadas edicións do SERGAS (que foron as primeiras nas que participaron), os seus alumnos obtiveron unhas cualificacións excelentes, incluídas as probas de Técnico Superior en Hixiene Bucodental ou as de Anatomía Patolóxica e Citoloxía, nas que lograron o número un, entre outras probas.
Os responsables de Formantia.es salientan que a gran novidade do seu sistema formativo radica en que é quen de adaptarse “á perfección” aos complexos horarios dos profesionais sanitarios (gardas, tempos de espera, traslados, etc), xa que “o alumnado conta con temarios actualizados en tempo real aos que pode acceder a través de calquera dispositivo, ben sexa móbil ou tableta ou computador, e todo durante as 24 horas do día”.
Asemade, os participantes nos cursos de e-learning achegados polo portal dispoñen de clases gravadas en audio, de autorización en liña, e a través de videoconferencias poden consultar as súas dúbidas cun educador. Tamén teñen acceso pleno a tests.
O equipo de formadores está composto por preto de 20 profesionais do sector sanitario galego.
Respecto dos bos resultados acadados nas devanditas oposicións recentes, estas foron as porcentaxes de éxito acadadas: 100% de aprobados para Enfermaría, 92% de aprobados para TS Anatomía Patolóxica, 87% para TCAE (Técnicos Auxiliares en Coidados de Enfermaría), 75% en TS Hixiene Bucodental (a oposición só foi aprobada por 45% das persoas que se presentaron) e 62% en TS de Laboratorio (aprobaron o exame da oposición o 33% dos presentados).
Chega Formantia.es, o portal galego que fai subir as probabilidades de éxito nas oposicións sanitarias
Compartir Este Artigo

