Na tarde de onte levábase a cabo a primeira xuntanza do novo Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020, o encontro tiña lugar na sede do Centro Galego de Arte Contemporánea e acudían o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, logo da súa aprobación no Consello da Xunta o pasado 4 de agosto. O Plan, fixeron saber, é unha folla de ruta elaborada coa axuda de 314 axentes do ámbito socioeconómico. Este carácter “multitudinario” tamén se reflectiu na xuntanza deste xoves 1. De feito, fixeron acto de presenza 15 dos responsables dalgunhas das principais entidades da nosa comunidade que colaboraron no deseño e elaboración do documento. Este, por certo, recolle as distintas accións para a introdución e consolidación do uso do idioma galego no sector económico. Moitas destas medidas e accións teñen unha faciana claramente tecnolóxico-dixital.
E que se pretende exactamente con esta folla de ruta? Pois, segundo lembraron, “pór en marcha un amplo abano de accións e medidas encamiñadas a darlle cumprimento aos obxectivos de reforzar e aumentar a presenza do galego no sector da economía, non só para ampliar as ligazóns comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade”.
Asemade, aproveitouse o marco desta reunión para facer unha posta en común sobre cales deben ser os seguintes pasos para a súa posta en funcionamento e lembrouse que na folla de ruta de desenvolvemento deste plan está prevista a celebración de diversas xuntanzas de traballo coas entidades e institucións involucradas no seu impulso. Estes encontros perseguen, por unha banda: difundir e abordar conxuntamente o alcance dos obxectivos que procura o novo plan e comezar a pór en marcha as medidas que nel se recollen.
A xuntanza de traballo contou coas achegas do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Dieter Moure; do presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez; do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; do presidente de Feiraco, José Montes; do presidente do Club Financeiro de Santiago, Roberto Pereira; do presidente da Asociación de Empresarios do Deza, Antonio Lamas; e tamén de representantes da Fegape, Deseño Galicia, Vía Láctea Films, Autos Dosil, El Corte Inglés, Bolanda, Anfaco, Vegalsa-Eroski, a Asociación Galega de Áridos, Eosa, Aenor e Coca-Cola.
Segundo se explicou na xuntanza, a folla de ruta estrutúrase a través de tres obxectivos estratéxicos principais: crear conciencia de que o uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais e as relación laborais, comerciais e bancarias; estender o uso da lingua galega no ámbito económico, nas relacións laborais, comerciais e empresariais, tanto na oferta coma na demanda de produtos e servizos; e utilizar o idioma para impulsar unha imaxe de marca diferencial propia de Galicia e os seus produtos vinculada á calidade e á innovación e que lles transmita confianza ás persoas consumidoras e ao empresariado. Este último punto é o que máis firmes conexións ten coa cuestión dixital e da Sociedade do Coñecemento. De feito, non se concibe sen ela.
Para concretar estes fins en obxectivos operativos, desenvolveranse un total de 81 medidas que se dirixen a incidir no incremento do uso do galego e na súa visibilidade desde dez áreas: hostalería, comercio, alimentación, novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), construción e inmóbeis, banca, asesoramento e intermediación, axencias de publicidade, área de traballo e cooperativismo.
O obxectivo común a todas elas pasa por “reforzar e aumentar a presenza do galego no sector da economía, non só para ampliar os lazos comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade tendo en conta o importante papel que xogan as empresas á hora de crearen comportamentos”.
A dinamización do galego, tamén nas TIC
Compartir Este Artigo

