A primeiros de 2014 Google presentaba o seu Project Ara, unha iniciativa nacida en Motorola que buscaba dar pé a unha ambiciosa plataforma de hardware que convertería en realidade o soño de ter un smartphone modular, que puidese personalizarse e actualizarse de xeito doado por parte do usuario, na liña de como se facía tradicionalmente cos ordenadores persoais, e conseguindo que incluso fose unha tecnoloxía con prezos moi axustados, pero este desenvolvemento tivo moitos atrancos, e aínda que comentábase que o produto final vería a luz este mesmo ano, dende Reuters dan agora conta de que o proxecto vén de ser suspendido (información que tería sido confirmada por dúas fontes).
Confiábase que este mesmo outono se distribuíse unha versión para desenvolvedores de Project Ara, este smartphone no que podería ampliarse a batería, mellorarse a cámara ou incorporarlle uns altofalantes potentes de xeito doado, atendendo así ás esixencias do usuario, pero aínda que conceptualmente a idea sexa boa, os atrancos son moitos e variados, e aparte das complicacións de facer módulos intercambiables de calidade a un prezo económico outro dos problemas que poderían ter afectado á cancelación do proxecto é a falta de confianza en que exista unha demanda real sobre este tipo de produto, de xeito que non compensaría o grande investimento de desenvolvelo.
Lembremos que o LG G5 xa é un smartphone de alta gama que permite a incorporación de módulos dun xeito doado, e non está a ser precisamente un éxito en vendas, o que faría que crear módulos para o mesmo non resultase rendible.
Os smartphones Moto Z tamén apostan pola modularidade, pero é a través da incorporación de elementos externos a xeito de carcasa, o que facilitan bastante a súa creación e instalación, e aínda así falamos de engadidos que teñen prezos moi elevados e cunha demanda moi limitada, polo que o que parecía inicialmente unha solución para poder facer móbiles económicos que o usuario puidese ampliar no futuro finalmente parece que quedará nun luxo para usuarios que queren incrementar a batería do seu teléfono ou integrarse unha cara cámara de maior calidade.
O proxecto de móbiles modulares de Google podería ter sido cancelado
Compartir Este Artigo
