Por motivos sabidos, boa parte das vidas e nomes dos nosos guerrilleiros fican aínda pendentes de desvelar. Sabemos quen era, por exemplo Camilo de Deus? Sabemos que está considerado o derradeiro combatente vivo da loita antifranquista? Boa parte da nosa sociedade, mesmo de aquela que adoita ir alén dos feitos da historia oficial (a que escriben os vencedores), non sabe aínda quen era Camilo nin a que ideais consagrou a súa vida, nin por que dificultades tivo que pasar por mor do seu compromiso social e político. Para amosar esta realidade concreta un grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual da UDC impulsou un documental interactivo. O seu traballo poderase ver nunha web específica que posibilitará o acceso á información sobre o documental e, tamén, ás gravacións do mesmo.
A peza, unha achega máis para un traballo necesario (a recuperación da nosa memoria histórica ligada á loita contra o movemento golpista do 36), rematouse de filmar o pasado 20 de agosto. O punto e final da rodaxe púxose no concello de Sandías (Ourense), de onde era natural Camilo de Deus. A obra leva por título Camilo: o último guerrilleiro de Galicia e virá, como dixemos, acompañado dunha serie de interesantes complementos tecnolóxicos. Por exemplo, unha manda de elementos que posibilitarán aos espectadores amplificar a información dada polo propio documental. Así, a través da web de seu forneceranse contidos adicionais ligados aos distintos capítulos deste traballo audiovisual (vídeos, fotos, infografías ou textos, entre outro material). Segundo fixeron saber a Praza.gal os creadores do documental, o funcionamento da web será o máis sinxelo posible, “co obxectivo de que todo ou público sexa capaz de entender e utilizar a ferramenta”. O propio portal de Camilo, que xa se pode ir visitando, operará como unha fonte de información a xeito de arquivo, fornecendo contidos extra sobre a vida do combatente e, nun marco máis xeral, a loita antifranquista galega e española.
A historia do guerrilleiro Camilo de Deus terá documental interactivo e web de seu
Compartir Este Artigo

