Telefónica vén de dar a coñecer as súas cifras de investimento en novos proxectos tecnolóxicos achegado a través da súa plataforma de crowdworking Telefónica Open Future, na que se insire a palestra compostelá Galicia Open Future. Fíxoo no marco do 30 Encontro de TIC que se está a celebrar en Santander, na sede da Universidade Internacional Menéndez Pelayo e da man de AMETIC e a devandita operadora. Segundo informou neste evento a directora global de Telefónica, Ana Segurado, a empresa de telecomunicacións e os seus socios investiron 260 millóns de euros en startups do mundo dixital a través do programa que dirixe.
Tamén engadiu que Telefónica Open Future foi quen de acelerar, durante a súa andaina, a máis de 1.300 empresas. Igualmente, sinalou, logrou “facerse cunha carteira de investimento de 673 e lograr acordos comerciais actualmente vixentes entre máis de cen destas e Telefónica. A contribución á compañía, entre vendas e eficiencias xeradas por este programa, é de máis de 100 millóns de euros ata a data actual, engadiu.
Ana Segurado afirmou que o éxito do programa “trae beneficios á compañía e aos emprendedores, quen atopan na súa relación con Telefónica Open Future un soporte significativo para o desenvolvemento e despregue dos seus proxectos tecnolóxicos, algo que en solitario non sería posible”. Segundo fixo saber, este ano a previsión é a de xerar vendas conxuntas coas startups impulsadas por valor de máis de 35 millóns de euros.
Telefónica Open Future xa investiu 260 millóns en novos proxectos tecnolóxicos
Compartir Este Artigo

