O Centro Tecnolóxico Gradiant, referente en desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas para a protección dixital, vén de facer un chamamento a prol dunha meirande concienciación de cara á longa listaxe de ameazas de seguridade (presentes e futuras) que poden poñer freo ao afianzamento da Sociedade da Información. Gradiant, de cara a este chamamento, faise eco dun estudo recente feito público pola multinacional de protección tecnolóxica Kaspersky, investigación na que se sinala que só unha de cada cinco persoas (o 21%), a nivel global, cren verse ameazadas online. Ademais, infórmase que case un internauta de cada tres, a día de hoxe, xa foi vítima dalgún ciberdelito. Por exemplo, o 8 por cento dos enquisados sufriu unha suplantación de identidade en liña, e o 22 por cento foi afectado por unha infección de malware nalgún dos seus dispositivos.
Gradiant lembra que, amais do devandito, é “especialmente preocupante” que unicamente pouco máis da metade dos enquisados (o 60%) aplique medidas preventivas contra as ameazas.
Estes e outros datos figuran no Cybersecurity Index de Kaspersky Labs, o primeiro índice mundial para medir a percepción dos cidadáns sobre as ameazas cibernéticas actuais. Este Índice de Ciberseguridade Kaspersky 2016 baséase nunha enquisa detallada realizada en agosto deste ano en 21 países de todo o mundo.
Segundo reflicte Gradiant, o estudo feito pola devandita firma de seguridade TIC demostra que “na actualidade, moitos usuarios subestiman as ciberameazas, mesmo despois de ter que enfrontarse a elas, o que non deixa de ser unha actitude perigosa, tanto para os usuarios particulares como para as empresas e institucións”. E todo, engade o centro tecnolóxico galego, “nun contexto no que a conectividade global medra de forma exponencial, ata tal punto que hoxe case todos os aspectos da sociedade actual dependen, dunha ou outra maneira, de Internet”. A isto cómpre engadir o espallamento e proliferación das conexións sen fíos (que son xa a principal vía de acceso á Sociedade do Coñecemento), e máis o papel cada vez máis importante que están a xogar os obxectos conectados, ao abeiro do que se coñece como IoT (Internet das Cousas), que implica un meirande número de dispositivos en rede que, en moitos casos, deberan poder realizar funcións de control críticas.
Para Gradiant, ante este tipo de retos cómpre achegar enfoques novos e darlle unha viraxe ao actual estado de cousas: unha situación privilexiada para os atacantes, que son quen de innovar e evolucionar de continuo arredor de novas formas de penetrar as defensas dos cidadáns, as empresas e as institucións. Gradiant aposta neste senso por situármonos por diante desta industria, un “tecido produtivo” do malware que ten dado probas de abondo de ser mellor para colaborar entre os seus integrantes e innovar. “Os axentes que traballan en positivo deberan facer o mesmo”, explica Gradiant, “aínda que non sempre é posible”. Neste punto, no de cubrir os baleiros que moitas organizacións non son quen de cubrir, e tamén no de imprimir o dinamismo e a marxe de movementos da que aquelas poden carecer, é onde entran en xogo centros tecnolóxicos como Gradiant. Ou sexa, no eido da aplicación de enfoques innovadores para emendar problemas.
Gradiant convida a achegar enfoques innovadores para situármonos por diante da industria do malware
Compartir Este Artigo

