A Universidade de Vigo vén de informar da presenza de Google no Campus para informar do proxecto Activa a túa cidade. Concretamente, a compañía de Internet estará os días 14 e 15 de setembro no Centro Comercial da Cidade Universitaria, achegando información aos estudantes universitarios sobre o dito proxecto: unha iniciativa na que vén de implicarse a fondo a UVigo e que consiste en aplicar medidas para pór en valor o talento e os coñecementos da comunidade universitaria ao servizo do tecido empresarial. Máis polo miúdo, a través do posto de información habilitado no CUVI quérese “procurar estudantes dispostos a colaborar na dixitalización das PEME galegas”.
O alumnado que se inscriba neste programa recibirá formación presencial e en liña entre outubro e decembro, o que lles permitirá “mellorar as súas competencias dixitais mentres acompañan ás PEME nos seus primeiros pasos no mundo dixital”. Segundo explica a Universidade, “en función dos seus avances, os participantes sumarán puntos e accederán a premios e recompensas, como insignias para compartir en redes sociais ou sesións en liña para mellorar o seu perfil profesional e coñecer novas oportunidades laborais”. Ademais, os que axuden a un maior número de empresas da contorna poderán viaxar ás sedes de Google en Mountain View (California) e Dublín.
No devandito posto informativo o alumnado que queira participar poderá rexistrarse e coñecer as condicións, ademais de probar o xogo de realidade virtual de Activa tu Ciudad. A inscrición tamén poderase formalizar a través da web activatuciudad.withgoogle.com ata o 2 de outubro. Dous días despois, o 4 de outubro, terá lugar no Campus de Vigo unha xornada de balde sobre mercadotecnia local para PEME e habilidades de liderado e comunicación que será ofrecida por Google. Xa a partir do 2 de novembro e ata o 31 de decembro, os participantes poderán ofrecer sesións de asesoramento personalizadas e de balde ás empresas da contorna, así como apoialas na creación do seu primeiro perfil en Google My Business, un produto gratuíto para aparecer nas buscas e os mapas de Google.
Google e a UVigo buscan estudantes para axudar ás PEME
Compartir Este Artigo

