Vitae Consultores segue adiante co seu intenso labor formativo para os profesionais da nosa terra, un labor que aborda polo miúdo as facetas máis avanzadas e de meirande potencial profesional e produtivo da Sociedade do Coñecemento. Os días vindeiros, sen ir máis lonxe, vai organizar o Curso sobre Avaliación e Sección Avanzada de Perfís TI baseadas na Neurociencia (en PDF). A actividade formativa, especialmente encamiñada a directores de proxecto e profesionais de recursos humanos, celébrase o vindeiro 6 de outubro na Coruña.
Trátase da segunda edición dun curso que afronta de cheo un dos meirandes baleiros metodolóxicos aos que se afrontan os profesionais responsables da avaliación dunha/un candidata/o ao equipo laboral: a falta de dispoñibilidade de ferramentas psicolóxicas básicas e axeitadas para desenvolver nas mellores condicións posibles o devandito traballo.
Segundo informa Vitae, “o primeiro paso para avaliar a un profesional é o autocoñecemento, é dicir, coñecerse a un mesmo para acadar a maior obxectividade á hora de tentar coñecer outras persoas”. Neste curso forneceranse estas ferramentas para o autocoñecemento e para a avaliación doutros traballadores sexa cal sexa o modelo de exame que se empregue.
Para Vitae, está claro que o sector das novas tecnoloxías da información (o sector TI) demanda arestora máis profesionais dos realmente dispoñibles no mercado laboral. Isto, engade a firma galega, acaba por “xerarlles tensións ás empresas en canto a cumprir os compromisos en calidade e prazo cos seus clientes e en controlar os custes salariais e a equidade interna dos mesmos”.
Deste xeito, a actividade formativa que prepara Vitae para o 6 de outubro centrarase na eficacia, “máis que na eficiencia”, para seleccionar candidatas e candidatos e avaliar o desempeño das/os profesionais en contornas de escaseza dos mesmos, “aínda que ambas facetas, a eficacia e a eficiencia, son precisas para o éxito nos devanditos procesos”.
Segundo engade Vitae, “neste curso proporcionarase un método e unhas ferramentas coas que xa se conseguiu unha porcentaxe de éxito de máis do 90% na selección de perfís TI, incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección.
A actividade formativa desenvolverase na Coruña, no Hotel Attica 21, o xoves 6 de outubro con horario de 9.30 a 13.30 e de 15.00 a 19.00 horas. O encargado de impartir os contidos e as metodoloxías será Marcos Carbonell García, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos.
Vitae fornece formación para incrementar a eficacia na selección de profesionais TI
Compartir Este Artigo

