A Deputación da Coruña vén de anunciar o seu respaldo a Spin 2016, o gran encontro do emprendemento xuvenil que se celebra esta semana en Santiago da man de Red Emprendia (e que hoxe ao mediodía inaugura oficialmente a súa vertente máis expositiva e formativa na Cidade da Cultura de Santiago). Máis polo miúdo, a entidade provincial coruñesa apoiará con 50.000 euros a celebración do foro Spin 2016, en palabras da Deputación “o maior evento sobre o emprendemento universitario do mundo hispano”. A achega económica foi aprobada por unanimidade na comisión de Promoción Económica e será ratificada definitivamente no pleno do venres 30 de setembro.
Con este apoio orzamentario, a Deputación quere “axudar a fomentar a cultura emprendedora entre os nosos universitarios, a favorecer a transferencia de coñecemento entre a universidade e o tecido empresarial e a aproveitar o talento dos nosos universitarios, facendo realidade novas ideas de negocio”, segundo afirmou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso.
O presidente da Deputación participará tamén o sábado no acto de entrega dun premio dotado con 10.000 euros que patrocina da Deputación dentro categoría Model2Market, destinada a dar un último impulso á posta en marcha de novos proxectos empresariais.
Punto de encontro entre universitarios e empresas
Segundo lembra a Deputación, Spin é un evento totalmente deseñado para os futuros emprendedores, “e por iso trata de ensinarlles aos universitarios as bases da innovación en materia de negocios e empresas”. Así mesmo, engade, “trátase dun punto de encontro para crear unha rede de retroalimentación entre a investigación universitaria e as últimas tendencias e tecnoloxías que demandan as empresas, favorecendo así a inserción laboral dos estudantes”.
Nesta edición, participan as tres universidades galegas, ademais de empresas de relevancia internacional coma Google, PayPal, Gas Natural Fenosa, Estrella Galicia ou Iberia. Spin Santiago tamén contará coa presenza de expertos do mundo da ciencia, a cultura, o deporte, a universidade ou os negocios, coma o destacado chef Joan Roca, os deportistas de elite Gisela Pulido e Cristian Toro ou o compositor Gustavo Santaolalla, gañador de dous Óscar.
A organización prevé que, durante os tres días do evento (de hoxe ao sábado), transcorrerán pola Cidade da Cultura máis de 3.000 asistentes de 20 países, e máis de 70 emprendedores de prestixio internacional. “Unha avalancha de visitantes que beneficiará a economía local, ademais de dar a coñecer as empresas galegas”, lembra a Deputación da Coruña, que salienta que os obradoiros ofertados tratarán sobre industrias ben asentadas na zona coma a conserveira, ou a cervexeira, e tamén sobre innovacións tecnolóxicas e en materia de empresa.

