O Centro Demostrador TIC organiza o día 20 de outubro o seminario Os datos da miña PEME, están seguros? que se impartirá nas súas instalacións de Santiago de Compostela en horario de 17:00 a 20:00 horas e que ten como obxectivo alertar as PEME dos riscos aos que se expoñen ao conectarse a internet e do perigo que supón que a información crítica da empresa poida estar comprometida e poñer en risco a súa continuidade. Por este motivo, resulta esencial explicarlles certas pautas que poden minimizar este tipo de perigos, así como a forma de tirarlles proveito ás oportunidades que brinda a rede.
No transcurso da xornada, exporanse, entre outros, temas como os piares da seguridade da información, as ameazas internas e externas na organización, a xestión e o control de internet na PEME, a fuga de información, a mobilidade e a produtividade ou o problema dos virus.
Este seminario está destinado a persoal directivo e xerentes de empresas que conviven con internet sen coñecelo ou que, conscientes dos riscos e as posibilidades que a rede ofrece, queiran saber como protexer a información do seu negocio. O encargado de impartir a sesión será Carlos Díaz, socio de Crosnet, especialista en redes de datos e seguridade corporativa.
Para participar nesta actividade en formato presencial cómpre inscribirse na web do CDTIC. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas. Para aquelas persoas que non podan desprazarse a Santiago de Compostela, o seminario será transmitido por videoconferencia as aulas CeMIT.
O CDTIC organiza unha xornada sobre seguridade de datos na PEME
Compartir Este Artigo

