A Facultade de Filoloxía vai acoller nas xornadas vindeiras un encontro formativo acerca de dous ámbitos abocados (no bo sentido) a interrelacionarse: a escrita (a literatura) e as novas tecnoloxías da información. Celebrarase no dito centro da UDC os días 20 e 21 (de 16 a 21 horas) e 22 de outubro (de 10 a 14 horas). O obxectivo, segundo informa a Universidade, é “analizar os cambios producidos nos últimos anos, coa irrupción das tecnoloxías da información, na forma de ler, escribir, ensinar, traducir ou interpretar os textos literarios”. Desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: O texto literario na era dixital: creación, difusión e didáctica.
No obradoiro xuntaranse todo tipo de especialistas en humanidades: dende escritoras/es a profesoras/es de literatura, pasando por mestres de didáctica, filólogas/os e tradutoras/es.
Máis polo miúdo e facendo fincapé nos nomes propios, intervirán no curso Andrea Maceiras (escritora e profesora de ensino secundario), Montserrat Muriano (profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura na UDC), Ana Alonso (profesora de ensino medio), Ramón Méndez (primeiro doutor en Tradución e paratradución de videoxogos de España, UVigo) e Sonia Méndez (cineasta e actriz).
O curso abranguerá 20 horas, 14 delas presenciais. Amais de achegar unha fonda análise dos cambios producidos en todos os ámbitos da literatura da man das novas tecnoloxías, o obradoiro encamíñase a proporcionar ferramentas (tanto para usuarios como para docentes) para encarar estes fenómenos, especialmente na literatura infantil e xuvenil. O curso informará das principais manifestacións observadas arredor do texto, hipertexto, novos xéneros, diferentes soportes de difusión, discusión e importancia das redes sociais, etc.
A UDC acolle un obradoiro de 20 horas sobre literatura na era dixital
Compartir Este Artigo

