A empresa galega Balidea, situada no sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), vén de anunciar que está a traballar na evolución e desenvolvemento de novas funcionalidades da plataforma en liña de formación de UNITAR, o Instituto das Nacións Unidas para a Formación e a Investigación, encargada de facilitar actividades formativas e de investigación sobre todos os temas da súa competencia e encamiñadas a persoas, organizacións e gobernos.
Indo á plataforma de UNITAR en cuestión, cómpre dicir que con ela pódese acceder a información e cursos sobre diplomacia multilateral, dereito internacional, prevención de conflitos, gobernabilidade ambiental e xestión de residuos, cambio climático, preservación da paz, gobernabilidade local, finanzas e comercio, así como sobre o uso das tecnoloxías da información para a asistencia humanitaria e o desenvolvemento.
Deste xeito, o proxecto de Balidea inclúe melloras desta ferramenta, dende a súa adaptación á versión máis avanzada de Drupal, ata o perfeccionamento do seu proceso de compra, a evolución cara a unha navegación máis intuitiva e accesible, a aplicación de deseños novos máis amigables e a súa adaptación a diferentes dispositivos (móbiles, tabletas, computadores portátiles…).
Alén disto, Balidea tamén se encargou da optimización do portal para mellorar a súa posición en buscadores, a súa adaptación a diferentes versións idiomáticas e a elaboración de manuais técnicos, de deseño e edición web. O portal de formación de UNITAR permítelles aos usuarios rexistrarse e informarse das actividades que se están levando a cabo. Co obxectivo de estruturar a información e facer máis doada a súa localización, a ferramenta artella os eventos por diferentes parámetros. Conta tamén con listaxes xa configuradas para localizar a información máis axiña e formularios de procura que permiten refinar o resultado grazas a opcións como a localización do evento (cidade e país), o seu rango de prezo ou a súa área programática. A plataforma dispón igualmente dunha zona privada para a xestión de eventos e o seguimento de resultados, está activa dende 2010 e dende o lanzamento da súa versión actual (marzo de 2016) rexistrou máis de 17.000 usuarios, 340 eventos e 3.500 rexistros en eventos.
A xeito de curiosidade, engadir que grazas a este traballo, Balidea convértese nunha das poucas empresas españolas provedoras TIC das entidades das Nacións Unidas.
Balidea mellora a plataforma de formación do instituto educativo das Nacións Unidas
Compartir Este Artigo

