O Concello de Narón anunciou os días pasados que xa conta co estudo do servizo de banda larga para a súa contorna rural. Segundo informou o Goberno local, o paso previo deste informe foi a xuntanza mantida en Santiago ao remate de 2015 coa Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, unha reunión que tiña o obxectivo de buscar alternativas viables para os problemas de cobertura dixital de Narón alén dos seus núcleos urbanos. No documento faise saber, entre outras cousas, que existen zonas do concello literalmente “en sombra”, “sen servizo”, como por exemplo determinadas contornas de San Xiao e San Mateo. O informe, que foi feito coa axuda da veciñanza rural (que contribuíu elaborando avaliacións do sinal), será o alicerce para que o concello sexa incluído entre as prioridades do Plan de Banda Larga 2020 do Goberno galego (AMTEGA).
Na investigación tamén se evidencia que case unha de cada catro conexións do rural ten menos de 1 Mpbs de capacidade. Segundo o Concello, entre os factores que empeoran a situación atópase a “inexistencia de fibra óptica” e a presenza dunhas conexións que “non teñen estabilidade” e que “van perdendo calidade ao longo do día”. Para o Goberno local, a incorporación do municipio como obxectivo prioritario no Plan de Banda Larga 2020 garantía para o rural “unha cobertura mínima de 30 Mbps para toda a poboación, impulsar a contratación nos fogares de servizos por riba dos 100 Mbps e garantir 30 Mbps nas zonas rurais de maior illamento”.
Narón fai un estudo de banda larga para rematar cos seus problemas de cobertura rural
Compartir Este Artigo

