Na mañá de onte presentábase na Casa da Cultura de Redondela un proxecto do que xa demos conta en Código Cero, falamos de SmartPEME (substituto do antigo CPAE 2.0) entre o tecido empresarial e asociacións de empresarios e empresarias de Redondela coa finalidade de promover a estratexia dixital entre as PEME. Ao acto asistía o deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, para amosar este servizo encamiñado ás PEME (Pequenas e Medianas Empresas) á procura dunha mellora nas súas vendas e tarefas, de cara a abrir novas canles de actuación e acadar novos grupos de interese como os e as emprendedoras, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. Iso si, cun eixo común: acadar estes obxectivos mediante as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) e as novas tecnoloxías (redes sociais, comercio electrónico…).
Para isto, as oficinas de SmartPEME no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo porán en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos (con varios niveis de dificultade), eventos de networking trimestrais (con profesionais de prestixio), colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores (segundo as súas necesidades), kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
SmartPEME consegue que a colaboración cos concellos sexa máis estreita, pois preséntase como un servizo propio dos municipios, para que sexan eles os que empresten o asesoramento e impulsen ás empresas, persoas autónomas e emprendedoras.
Preséntase o proxecto SmartPEME en Redondela
Compartir Este Artigo

