O uso dos dispositivos estase a integrar de cheo con todo tipo de operacións bancarias. A última entidade en apuntarse un tanto nesta aposta polos móbiles e as TIC é BBVA, que vén de presentar un innovador servizo que nos permitiría abrir unha conta a través dun selfie (unha “autofoto”) e unha chamada por videoconferencia. Segundo informa BBVA, este servizo de Alta Inmediata dende o móbil é pioneiro a nivel estatal. A súa gran vantaxe: posibilita abrir unha conta “en só uns minutos e comezar a operar de contado”. A funcionalidade baséase nun procedemento de verificación da identidade do cliente mediante o recoñecemento biométrico (as características físicas do usuario, captadas a través do selfie).
Segundo engadiu a entidade na presentación da tecnoloxía celebrada este xoves 3, as persoas que desexen facerse clientes de BBVA poderán facelo desde o móbil accedendo a bbva.es ou descargando a aplicación propia de BBVA. Para iniciar o proceso, o novo cliente debe identificarse e encher os seus datos persoais. Logo, co fin de verificar a identidade da persoa, a funcionalidade de alta a distancia solicita unha foto do DNI e unha foto ou selfie da mesma, co fin de posibilitar a comparación da coincidencia de ambas imaxes mediante a devandita tecnoloxía biométrica. Como último paso, un xestor de BBVA contacta persoalmente co usuario para confirmar a súa identidade a través dunha videoconferencia.
Os novos clientes de BBVA poden abrir conta cun selfie e cunha videoconferencia
Compartir Este Artigo

