Onte dábase a coñecer o resultado da Enquisa ás empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2016, elaborada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), dentro do Diagnóstico ás Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2016. Entre as conclusións principais figura a seguinte: o número de empresas tecnolóxico-dixitais na nosa terra chegaba ás 2.331, fronte ás 2.242 do ano anterior (un aumento do 4%), situando a Galicia como a quinta Comunidade Autónoma con maior número de empresas do sector TIC. Máis polo miúdo, o sector TIC deu emprego a 15.683 traballadores, no ano 2015, o que supón un incremento do 8,9% no último ano.
E onde se percibe máis este crecemento de empresas TIC? Pois nas empresas máis pequenas, o 83,5% das empresas TIC galegas ten un máximo de dous empregados.
Este estudo tamén deixa ver a falta de profesionais TIC con formación específica, o 48,7% sinala que é difícil ou moi difícil contratar persoal con formación específica en novas tecnoloxías da información. As empresas TIC galegas contan cunha maioría de profesionais TIC con formación universitaria ou especializada a través de ciclos formativos dixitais. O 37,7% do persoal das empresas do sector posúe algún tipo de titulación de grao superior ou medio relacionada coas TIC. Os empregados con ciclos formativos TIC superiores ou medios é dun 27,3%.
En canto á velocidade de conexión, cómpre dicir que se incrementa respecto do último ano, aumentando a porcentaxe de empresas TIC que teñen contratadas velocidades superiores a 100 Mbps (dun 30,7% a un 38,3%).
Respecto ás tecnoloxías de conexión, a banda larga móbil xa conta como tecnoloxía principal de acceso para un 42,7% das empresas TIC galegas e duplicouse a porcentaxe de empresas TIC conectadas a Internet a través de fibra óptica.
Aumenta tamén a interacción das empresas TIC coas Administracións Públicas a través da Rede (dun 61,7% no ano anterior a un 67,9%) e continúa o aumento da sinatura dixital (52,3%), especialmente para relacionarse coas Administracións Públicas
De falarmos da nube, un 42,2% das empresas TIC galegas emprega tecnoloxías cloud, e aumenta tamén a presenza nas redes sociais das empresas TIC galegas (39,2%).
Un 28% das empresas TIC ofreceron desenvolvementos específicos de software para plataformas móbiles (2,8 puntos máis que no ano anterior).
O comercio electrónico experimentou un aumentou (un 2,9% máis que o pasado ano), tres de cada catro empresas TIC galegas realizaron compras de bens ou servizos a través do comercio electrónico e un 30,2% das empresas TIC galegas vendeu bens ou servizos a través do comercio electrónico durante o ano 2015.
Aumenta o número de empresas TIC galegas
Compartir Este Artigo

