Este martes celebrouse no Consello da Cultura Galega (CCG) un encontro sobre o potencial que achega a Internet para seguir facendo xornalismo dende propostas locais e de país. A xornada Panorama de iniciativas culturais galegas na Rede, encamiñouse (en palabras da organización) “a ofrecer unha visión actual destas iniciativas culturais na Rede, a coñecer os mecanismos que empregan para o seu funcionamento e a contextualizala no ámbito internacional”. Falaron representantes de Praza Pública, Galicia Confidencial, Sermos Galiza, Campo Galego, Teo Vivo, Que pasa na costa, Palabra Comum, A sega ou Gz Música. Ademais, presentouse o informe A comunicación en Galicia 2015. Neste estudo, entre outros datos de valor, faise saber que o 97,5% da mocidade galega (entre 16 e 24 anos) accede decote a Internet.
Ademais, dise na análise, a práctica totalidade da nosa xuventude emprega a Rede para (entre outras cousas) ler ou descargar novas de xornais e revistas. O informe tamén apunta que boa parte desta información extráese dos micromedios.
A raizame dos novos medios dixitais
De micromedios e de redes (precisamente) falouse hoxe no CCG, entendéndose por micromedios “aquelas cabeceiras mantidas por usuarios ou pequenos grupos de particulares con dinámicas propias dun medio de comunicación”. O informe A comunicación en Galicia 2015 (nun artigo asinado por Xosé López, Manuel Gago e Xosé Pereira) explica desta maneira as orixes desta eclosión dos micromedios: “A crise económica, os cambios no sector da comunicación e a dinámica de transformación das redes sociais provocaron estes anos o nacemento do que se definiu como micromedios: as cabeceiras mantidas por usuarios ou pequenos grupos de particulares que inclúen as diferentes dinámicas propias dun medio de comunicación pero a pequena escala: elaboración de contidos xornalísticos, facturación publicitaria ou por outras vías”.
A quen se encamiñan?

Sobre o público ao que se dirixen estas novas propostas de comunicación, específicas, participativas e abertas, a análise parte do seguinte: lembrando que a porcentaxe de conectividade a Internet da sociedade galega “aproxímase a un sesenta por cento, sendo unha das comunidades estatais con menor penetración”. Isto que é salientable a nivel xenérico, éo aínda máis se de toda poboación centrámonos só no eido da mocidade, “onde a taxa devandita chega ao 97,5%”, recordan os autores da investigación. Nesta dise tamén que procurar información e servizos, recibir ou enviar correo electrónico e ler ou descargar novas “son os principais hábitos de uso da nosa xente nova”.
Na xornada, João Canavilhas, da Universidade da Beira Interior, Alberto Marinelli (Università da Sapienza de Roma) e Andreu Casero Ripollés (Universitat Jaume I de Castellón) foron os encargados de debuxar o contexto internacional na actual sociedade líquida con especial atención á de televisión e cultura e o quinto poder na Rede. Pola súa banda, Hakan Casares, do Observatorio da Cultura Galega, abordou a cuestión das industrias culturais e creativas galegas na Rede (entre as cales están as publicacións), un sector que move o 2,5% do PIB con 27.500 empregados e move 4,4M de euros en exportacións.
A continuación foron os responsables de diferentes medios, David Lombao (Praza Pública), Xurxo Salgado (Galicia Confidencial), Rocío Castro (Sermos Galiza), David González (Campo galego), Ana Conde (Teovivo) e Ubaldo Cerqueiro (Que pasa na costa), quen expuxeron as súas experiencias particulares. Na sesión da tarde está prevista a presenza de Alfredo Ferreiro (Palavra Comum), Lara Rozados (A sega) e Daniel Lavesedo (GZ Música).
O informe A comunicación en Galicia 2015, coordinado por Xosé López García e Rosa Aneiros Díaz, aglutina quince artigos de vinte e tres autores que abordan cuestións como a prensa, a radio, Internet, o cinema, as relacións públicas, a publicidade, os gabinetes de comunicación, as telecomunicacións, a televisión, ademais de novas experiencias do eido da comunicación.

