Adaptándose aos novos tempos e á era dixital, a adega Pazo de Señoráns, situada no val do Salnés (Pontevedra) vén de elixir á plataforma global Cultiva Decisións (da empresa Seresco) de cara a optimizar procesos no ámbito da viticultura, baseados en agricultura de precisión, apoiándose tamén na nube de Microsoft Azure IoT e Bing Maps. A plataforma Cultiva conseguiu que a adega das Rías Baixas poida acceder á toda a información do seu viñedo a través dun único punto de acceso, dende calquera dispositivo móbil.
Os responsables de Seresco e Microsoft salientan as múltiples posibilidades de integración con servizos doutros provedores como a achega de información procedente de voos de drons, intercambio de datos con ERP… Deste xeito, engaden fontes das ditas empresas, “Pazo de Señoráns é máis competitiva, acelerou a súa toma de decisións e reduciu os custos operativos”.
Segundo indican, as vantaxes de Azure IoT tradúcense na posibilidade de coñecer mellor o viñedo, ser ecoloxicamente máis sustentables, optimizar a produción e mellorar a calidade da uva e da súa produción.
En canto á escolla da plataforma de Azure IoT e Bing Maps, foi elixida pola súa maior resolución nos mapas de zonas rurais, a garantía de que os datos se almacenan en Europa, un menor custo e a potencia do servizo achegado pola nube de Microsoft.
Grazas á solución de Cultiva Decisións, Pazo de Señoráns será quen de realizar unha observación continua do estado do seu viñedo (teledetección, sensores, meteorolóxica), o que combinado coa aplicación da intelixencia artificial e o Machine Learning traducirase nunha mellora das decisións en canto a fertilización, control de pragas, recolección e outros aspectos do cultivo da uva.
A adega Pazo de Señoráns aposta polo dixital para mellorar os seus resultados
Compartir Este Artigo

