Botar unha man aos concellos para actualizar os seus recursos acerca dos pasos a seguir en materia de equipamentos tecnolóxicos no seu seo. Este é un dos grandes obxectivos da xornada que preparan para o día 15 de novembro a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Axencia de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG). A sesión, que se retransmitirá dende as instalacións do Centro Demostrador TIC Galicia, en Santiago de Compostela, desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Casos prácticos de tramitación de infraestruturas de telecomunicacións nos concellos. Amais de asistir ao CDTIC teremos a posibilidade de facer seguimento da xornada (por videoconferencia) dende unha ducia de aulas CeMIT. O horario é de 10.00 a 11.00 horas.
Segundo informan AMTEGA e a AETG, a idea básica é facilitar a actualización de contidos, recursos e coñecementos acerca das “numerosas modificacións recentes nas normativas sobre infraestruturas de telecomunicacións que afectan ás actividades sobre as que exercen as súas competencias as Administracións locais”. Na xornada, por estes motivos, farase fincapé en emendar problemas concretos como as dificultades para actualizar as normas municipais dende o ámbito local ou os atrancos para acceder á información tecnolóxica.
O obxectivo desta xornada, en palabras das entidades organizadoras, “é informar aos concellos sobre as novidades que afectan ao despregue das infraestruturas de telecomunicacións no territorio municipal, reflectindo a importancia da ordenación das mesmas e a necesidade de facilitar e reducir o custo do seu despregue”.
As persoas interesadas en seguir esta xornada poden acercarse a calquera das aulas CeMIT das seguintes localidades, que amosaron o seu interese en retransmitir a través de videoconferencia: Abegondo, Ames, Betanzos, Beariz, Celanova, Foz, Leiro, Narón, Noia, Oroso, Ourense, Santa Comba, Tomiño e Vimianzo. Podemos consultar os datos de contacto das aulas na ligazón cemit.xunta.gal/centros.
AMTEGA e AETG convocan aos concellos para axudalos na tramitación de equipamentos de telecomunicacións
Compartir Este Artigo

