A Mancomunidade de Ordes vén de presentar un vídeo de promoción turística destinado a deixar fonda pegada na Rede e empregar as novas canles para atraer o máximo número de visitantes. A peza en cuestión, que xa podemos ver en YouTube, ten unha duración de sete minutos, ao longo dos cales faise un percorrido polos elementos máis salientables da paisaxe, a cultura, a historia, a gastronomía e o lecer de comarca de Ordes e da súa contorna. Asemade, faise especial referencia ao Camiño Inglés, que pasa precisamente polo territorio do concello.
O traballo está a ser difundido a través de Internet (a plataforma YouTube) así como nas páxinas web e plataformas dos Concellos da comarca, e, en palabras da Mancomunidade, “servirá de ferramenta de promoción para todo tipo de actos e eventos públicos, como feiras, encontros ou xornadas temáticas e promocionais”.
Dirixido por Xosé Rivera, inclúe un achegamento a todos e cada un dos sete municipios que conforman a Mancomunidade de Ordes (Oroso, Trazo, Mesía, Tordoia, Frades, Cerceda e Ordes). A liña argumental baséase en aspectos relacionados coa gastronomía, o deporte e o tempo de lecer, a paisaxe e a vexetación, as infraestruturas públicas, a natureza e as rutas de sendeirismo, a agricultura da zona, monumentos e valores arqueolóxicos, a cultura e tradición etc. “Todo”, sinala a entidade comarcal, “para enxalzar o grande atractivo que en conxunto conforma a que, dende 1978, é a mancomunidade máis lonxeva de toda Galicia”. O vídeo conta co financiamento da Deputación da Coruña na súa totalidade.
A Mancomunidade de Ordes lanza nas redes o seu novo vídeo de promoción turística
Compartir Este Artigo

