O Concello de Ribeira vén de informar de que este mércores xa están en activo novas funcionalidades en liña da páxina web municipal, www.ribeira.gal. Estes novos recursos de Administración Dixital van dirixidos a facilitar que a veciñanza poida realizar trámites municipais a través de Internet as 24 horas do día. Para comezar, incluíuse unha nova pestana no portelo dixital, a pestana trámites en liña, que incorpora de momento os seguintes procedementos: tramitación de certificados de empadroamento, de convivencia e de situación e solicitudes de carácter xeral.
Por certo que estas solicitudes de carácter xeral están a abranguer trámites concretos como a presentación de instancias ao rexistro xeral co seu correspondente número de entrada. Segundo informa o Concello a respecto desta vía para achegar instancias, a gran vantaxe con respecto ao método tradicional (a través de papel) radica en que toda a tramitación (dende o número de entrada) “é igual de válida e operativa que se estivera formalizada fisicamente na Oficina de Atención Cidadá”. O Concello tamén engade que ás solicitudes “pódenselles adxuntar diversos arquivos, como imaxes, documentos en PDF, etc…”
O Goberno local tamén advirte aos cidadáns de que para seren usuarios destas prestacións cómpre que teñan un DNI electrónico ou ben un certificado dixital.
“Estas novidades”, engade o Concello, “supoñen un novo avance na implantación da Administración Electrónica despois de que no pasado mes de marzo e de xeito paralelo á apertura da Oficina de Atención Cidadá se habilitase a posibilidade de consulta telemática en relación ao estado de recibos, notificacións, instancias presentadas por Rexistro, etc”.
O Concello de Ribeira xa permite presentar solicitudes no rexistro xeral vía online
Compartir Este Artigo

