Como fixemos saber os días pasados dende Código Cero, o Consorcio de Santiago de Compostela está a promover estes días na Casa do Cabido (Praterías) unha exposición de fotografías en tres dimensións (3D) da cidade de Santiago e da Catedral feitas e preparadas polo estereógrafo coruñés Enrique Criado. A mostra, que require para a súa visualización lentes con filtro de cor, titúlase Compostela, a Terceira Dimensión. Esta semana recibiu a visita de medio cento de rapazas e rapaces.
Trátase dunha escolma de 35 imaxes representativas do casco histórico compostelán: fotografías nocturnas, dos peregrinos, das prazas, rúas e lugares máis senlleiros… que foron rexistradas polo autor mediante distintos tipos de cámaras fotográficas en 3D en diferentes épocas ao longo dun período de 16 anos.
Como dato a subliñar cómpre dicir que esta mostra está a ter unha grande acollida por parte dos centros educativos. Como exemplo, sinalar que na mañá de onte dous grupos de 50 alumnas e alumnos de 6º de Primaria do CEIP Pío XII visitaban a exposición. Segundo engade o Concello, dende a apertura en setembro “son numerosos os estudantes que cada semana están a ter a oportunidade de achegarse a esta experiencia e obter unha visión de Santiago dende unha perspectiva moi semellante á percepción da realidade”.
Os colexios que estean interesados en coñecer a mostra deberán poñerse en contacto coa Casa do Cabido no teléfono 981 576 661. Pode visitarse no horario habitual do museo, de martes a sábado de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas; e os domingos de 11 a 14 horas. Os luns está pechada ao público.
Os rapaces visitan a mostra de fotos en 3D de Compostela
Compartir Este Artigo


