Gradiant anunciaba o pasado martes 15 de novembro que formará parte do desenvolvemento tecnolóxico de Galicia inserido no programa de Aliados Dixitais dentro da categoría que lle corresponde como Centro Tecnolóxico, a de entidade colaboradora. Así, Gradiant pasará a ser Aliado Dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020. E quen está detrás deste plan? Pois a Xunta de Galicia a través da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) é a que promove o devandito Plan co obxectivo de achegar as novas tecnoloxías a todos os galegos.
Para isto, conforma unha rede de alianzas dixitais que axudarán a darlle pulo a distintas medidas de actuación nos eidos da Alfabetización Dixital, da Capacitación Dixital e da Innovación Social Dixital e Participativa.
Para facérmonos unha idea, o Plan de Inclusión Dixital é a estratexia para impulsar un novo modelo de inclusión dixital, que integre as accións para a alfabetización dixital con outras de capacitación dixital e de innovación social dixital participativa. Esta estratexia estase a levar a cabo grazas á cooperación e implicación dos axentes do ecosistema dixital, que permite sumar capacidades, recursos e iniciativas para incrementar o alcance das medidas. O pasado 29 de abril publicouse a Resolución que permite que as entidades, empresas, asociacións… interesadas en participar neste eido poidan adherise coma aliados dixitais a través dun proceso telemático na sede electrónica da Xunta de Galicia.
O Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 (aprobado no Consello da Xunta do pasado 21 de abril) achega á sociedade galega un servizo integral de dixitalización que abrangue dende as accións para a alfabetización dixital ata aquelas que permitan a calquera persoa acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC. Para acadar este obxectivo, o Plan establece actuacións en 3 grandes eixos estratéxicos: a alfabetización dixital, a capacitación dixital e a innovación social dixital e participativa.
O Centro Tecnolóxico Gradiant xa é aliado dixital
Compartir Este Artigo

