O Centro Tecnolóxico Gradiant vén de informar que o seu equipo de Data Analytics foi quen de acadar unha posición destacada na competición sobre análise preditiva de información que organizou en datas recentes a compañía multinacional Bosch. No evento celebrado en Kaggle o devandito equipo de Gradiant impúxose a máis de mil competidores a nivel mundial, destacando ata o top 3% da competición. Segundo salientan os integrantes desta área, a experiencia foi positiva dende todos puntos de vista, non só polos bos resultados conseguidos, senón porque Kaggle “prové un escenario fantástico onde equipos de todo o mundo poden desenvolver as súas habilidades e medir as súas forzas atacando problemas de Machine Learning”.
Para o equipo de Data Analytics, a clave do seu éxito da competición radica en que se trata dun escenario no que “se traballa con datos reais proporcionados por compañías reais”, ao que cómpre engadir a posibilidade de obter “interesantes recompensas, o que supón un factor extra de motivación”.
A aplicación intelixente das tecnoloxías de Data Analytics de Gradiant, unido á súa experiencia en contornas de Industria 4.0, xogaron a favor do devandito equipo na competición de Bosch. Como resultado, a división de Data Analytics acadou unha posición moi alta na clasificación do certame: a posición número 30 entre 1.370 equipos participantes. Isto situou a Gradiant no top 3% a nivel mundial. Por certo que a competición estaba dotada cun premio de 30.000 dólares.
Gradiant acadou o top 3% na competición de Bosch sobre Data Analytics
Compartir Este Artigo

