As fundacións Telefónica e Santa María A Real, principais impulsoras da iniciativa Lanzadeiras de Emprego (palestras para favorecer a inserción laboral a través de recursos innovadores e tecnolóxicos de formación, asesoramento e comunicación co tecido recrutador de traballadoras/es), veñen de informar da posta en marcha de 17 novas lanzadeiras en catro comunidades (Andalucía, Castela-A Mancha, Galicia e Castela e León) e contando, en total, con 340 participantes. No caso galego, púxose en marcha estes días a nova edición (a segunda xa) da palestra de Ourense, da man das devanditas fundacións e o Concello e con co-financiamento do Fondo Social Europeo.
Cada acubillo de formación e asesoramento, incluído o de Ourense, conta cun equipo de 20 persoas desempregadas, homes e mulleres, con idades comprendidas entre os 20 e 59 anos e diversos perfís formativos (ESO; Formación Profesional, Bacharelato e estudos universitarios) e profesionais.
O plan de traballo consiste en achegarlles adestramento en equipo, “intensivo e diferencial”, para que “poidan mellorar a súa motivación, coñecer novas ferramentas de procura de traballo, reforzar as súas competencias transversais e multiplicar as súas oportunidades de inserción laboral”.
Segundo informan as entidades impulsoras das Lanzadeiras, durante o vindeiros cinco meses os participantes reuniranse varios días á semana e levarán a cabo sesións de preparación e intelixencia emocional, dinámicas de comunicación, marca persoal e procura de emprego 2.0; adestramento de entrevistas persoais; elaboración de mapas de empregabilidade, visitas a empresas, reunións con emprendedores e procesos de intermediación laboral con responsables de recursos humanos.
Segundo fixo saber con motivo destas novas palestras o director de Relacións Institucionais de Fundación Telefónica, Joan Cruz, “as Lanzadeiras son un claro exemplo de como as persoas se organizan de forma solidaria cunha misión moi clara: cambiar a actitude na procura de emprego, evolucionar persoal e profesionalmente, e acadar unha oportunidade de futuro no mercado de traballo para todos os integrantes”.
En marcha a segunda edición da Lanzadeira de Emprego de Ourense
Compartir Este Artigo

