Este 15 decembro celébrase no auditorio da Escola de Negocios IESIDE na Coruña (no número 31 da Ronda de Nelle) un encontro profesional destinado a pór relevo as oportunidades que lles abre as empresas a información masiva xerada ao abeiro das novas tecnoloxías da comunicación, incluídas os principais acubillos onde rastrexar novos clientes e mercado: as redes sociais. Segundo sinalan os organizadores deste evento, a xuntanza Big Data en PEME 2016, ao seu abeiro abordaranse os novos camiños que abren cousas como os datos inxentes ou a Internet das Cousas (IoT) para “xerar valorar na contorna competitiva das pequenas e medianas empresas galegas”.
A xornada, apoiada pola Deputación da Coruña, comezará ás 16.00 e contará coa participación de diversos expertos sobre metodoloxías para a explotación e a capitalización do dato, sobre Big Data en contornas financeiras, sobre o concepto de “información positiva” ou Good Data, sobre analítica avanzada de clientes, sobre a análise de datos coa ferramenta R ou sobre como planificarmos unha estratexia de mercadotecnia dixital que teña como alicerce os datos.
Na xornada participarán (entre outras) empresas como Abanca (Jorge García Romarís, do Centro de Competencia Analítica e Big Data), Oracle Ibérica (Eduardo Stanich) ou SolidQ (Antonio Soto, director executivo). Tamén intervirá Inycom, concretamente o seu director Iván Lalaguna, que achegará aos presentes “ás oportunidades e ameazas que ofrece a intelixencia de datos”. A xornada comezará ás 16.00 en IESIDE, A Coruña, e nela agárdase que os expertos reunidos poñan de manifesto as máis avanzadas estratexias para tirármoslle o máximo proveito ao que nos contan os usuarios-clientes potenciais nos diversos acubillos que fornecen as redes.
O obxectivo deste evento, engade a organización, “é divulgar o traballo de empresas adicadas aos datos inxentes, a intelixencia nos negocios e a analítica de datos”, ao tempo que se tentará motivar a pequenas e medianas empresas galegas para que se afiancen neste ámbito, “unha área cun longo percorrido e potencial” e un terreo profesional que “ofrece grandes oportunidades e que require non só perfís técnicos con capacidade analítica, senón profesionais con formación humanística que saiban comprender, interpretar e aproveitar o valor do Big Data e os seus temas afíns”.
As múltiples vantaxes do Big Data para as nosas empresas, ao detalle este 15 de decembro na Coruña
Compartir Este Artigo

