A empresa tecnolóxica EGATEL, con sede na Tecnópole de Ourense, vén de anunciar que vai fornecer equipamento pioneiro a Santiago de Chile no ámbito das telecomunicacións. Máis en detalle, subministrará á capital do país andino o que en palabras de EGATEL constitúe “o seu primeiro transmisor TDT de altas eficiencia e potencia”. A achega farase a través da distribuidora da firma galega en Chile, a empresa Sercom, coa que ten desenvolvido xa proxectos en media potencia e que neste proxecto do que estamos a falar resultou adxudicataria para o subministro, instalación e posta en marcha dun transmisor ISDB de 6,5KW para TVR-Televisión Rexional de Chile (CNC Medios), na capital do país.
Segundo fai saber EGATEL, este transmisor de refrixeración líquida, modelo TLWH7808, salienta “polo uso da tecnoloxía Doherty de banda larga, que permite obter a máxima eficiencia enerxética e resintonizar a súa frecuencia de operación sen necesidade de ningún cambio ou actuación HW sobre o equipo”.
A empresa galega tamén informa que para asegurar a máxima calidade do servizo en Santiago, co gallo do lanzamento desta nova canle, “optouse por un transmisor en configuración de máxima redundancia, incluíndo un excitador duplo con unidade de control automática/manual, proteccións eléctricas individuais por módulo, un intercambiador de calor con dous ventiladores de alta eficiencia e unha unidade de bomba que contén dúas bombas en modo de espera activo”.
José M. Mariño, director de Vendas e Mercadotecnia da empresa galega, sinala que “dende EGATEL é importante destacar a versatilidade desta serie de transmisores na que se optimizou tanto a eficiencia enerxética como a calidade da emisión, co obxectivo de acadar a mellor calidade na área de cobertura e minimizar os custes operativos dos nosos clientes”.
EGATEL fornecerá para Santiago de Chile tecnoloxía pioneira no ámbito da TDT
Compartir Este Artigo

