A Escola de Negocios AFundación de IESIDE (Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa), emprazada no número 31 da coruñesa ronda de Nelle, acolle este xoves 15 pola tarde (a partir das 16.00 horas) o encontro Big Data para PEME, organizado pola Asociación Estratexia Lean para a Competitividade e a Innovación. O obxectivo do proxecto, como xa avanzamos os días pasados dende Código Cero, é a difusión e promoción de novas tecnoloxías enfocadas ao fomento da información masiva e a intelixencia nos negocios para o seu uso e aproveitamento en pequenas e medianas empresas. Segundo puidemos saber, o evento está dirixido a altos cargos de empresas que queiran dixitalizar os seus procedementos. Malia ser de balde, a participación en dita iniciativa require de inscrición previa.
O programa, en detalle, inclúe as achegas de Jorge García Romarís, do centro de competencia analítica e Big Data de Abanca, coa conferencia Big Data en contornas financeiras; Javier Consuegra, de Improving Metrics, con Small, Big, Smart data… e, que pasa cos Good Data?; Eduardo Stanich Arandilla, da empresa Oracle Ibérica, co relatorio Os distintos camiños da explotación e a capitalización do dato; Iván Lalaguna Alcaide, de Inycom, con IoT: Internet das cousas, as oportunidades e as ameazas, Antonio Soto, director executivo en SolidQ, con Analítica Avanzada de Clientes; Rubén Fernández Casal, do grupo de investigación MODOS da Universidade da Coruña, con Data Science. Análise de datos con R; e César Themudo, de Ballyhoo Advertising, con Planificando o Marketing Dixital como base aos datos.
As posibilidades para as PEME que se abren cos datos inxentes, ao detalle na Coruña
Compartir Este Artigo

