Que as Pequenas e Medianas Empresas (PEME) teñan acceso á tecnoloxía, máis polo miúdo á computación avanzada (HPC), é algo esencial de cara a entrar na chamada industria 4.0. Neste senso, o CIS, GAIN (Axencia Galega de Innovación), IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica), AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) e CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) unen forzas para emprestar o apoio preciso ás PEME e o resultado xorde con feitura de xornadas de divulgación tecnolóxica específica para dar a coñecer a computación mediante aplicacións de modelado, simulación e Big Data.
A quen van encamiñadas estas xornadas? Pois a persoal directivo e responsables de departamentos de empresas de tódolos sectores (xerentes, responsables de produción, de oficinas técnicas…).
En canto ás xornadas, dicir que se celebrarán en distintos puntos de Galicia: Ourense-Tecnópole (20 de decembro de 2016), Lugo -Confederación de empresarios de Lugo, Sede Central (12 de xaneiro de 2017), Santiago de Compostela-Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (18 de xaneiro de 2017) e Porriño-AIMEN (25 de xaneiro de 2017).
Nelas, informarase ás PEME das diferentes medidas postas en marcha por GAIN, IGAPE e o CESGA para impulsar o uso destas tecnoloxías nas PEME. Tamén se informará dos beneficios para as PEME da simulación numérica, o modelado e a información masiva e das tecnoloxías que se requiren para introducir estas novas solucións. Asemade, presentaranse casos de éxito de empresas da nosa contorna que xa traballan con estas solucións, e o servizo Re-Acciona TIC de mellora competitiva para empresas galegas.
Para os interesados en acudir ás ditas xornadas cómpre inscribirse no espazo habilitado.
Máis información no teléfono: 981 337 133 ou no e-mail de CIS Galicia.
Engadir que o IGAPE e a AMTEGA (a través do programa Re-acciona TIC) presentan un servizo de apoio económico para mellorar a competitividade das empresas a través de sete servizos TIC, un deles o de Xeración de Modelos e Simulación Industrial.
Programa
· 9:30h- Presentación institucional
– Servizos do CESGA e GAIN-CIS Galicia para o impulso da matemática industrial e a computación nas PEME (GAIN, CESGA).
– Servizos Re-Acciona TIC de mellora competitiva para PEME galegas: Xeración de Modelos e Simulación Industrial (IGAPE, SOLTEC)
· 9:45h.
– Simulación numérica e análise de datos. Beneficios para a PEME (CESGA)
· 10:00h.
– Tecnoloxías necesarias: hardware, software e aplicacións. Requirimentos para a súa implantación (CESGA)
· 10:15h.
– Casos reais de empresas que xa apostaron pola implantación destas tecnoloxías (CESGA)
· 10:30h.
– Casos de éxito cara a unha industria 4.0 grazas ás tecnoloxías Big Data & MSO (Modelización, Simulación e Optimización). (ITMATI)
· 10:45h.
– Servizo Re-Acciona TIC de Xeración de Modelos e Simulación Industrial (SOLTEC)
As PEME galegas achegaranse á computación avanzada grazas a unha xira de xornadas
Compartir Este Artigo

