Co obxectivo de protexer e potenciar o emprego da nosa lingua nos ámbitos xudiciais, o Parlamento, a USC e a Xunta veñen de pór en marcha o Portal Xurídico Galego. A iniciativa, dada a coñecer este luns polo vicepresidente Alfonso Rueda e o conselleiro Román Rodríguez, xorde nas súas palabras para garantir “o uso da lingua propia no exercicio do Dereito” na nosa terra. Na presentación tamén participaron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA, Mar Pereira; a secretaria da Universidade de Santiago de Compostela, Consuelo Piñeiro; e os responsables da elaboración da ferramenta. Trátase, polo tanto, dunha web colaborativa que xorde ao abeiro de varias frontes distintas unidas baixo un obxectivo común.
Estas frontes son o Parlamento, a USC e a Xunta (Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza –a través da Dirección Xeral de Xustiza-, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística).
Na presentación, o vicepresidente Alfonso Rueda apelou a este carácter colectivo e integrador e animou a “tódolos xuristas, avogados e persoas interesadas no Dereito e nas Leis a que usen o novo Portal Xurídico Galego, a que se mergullen nas súas ligazóns e nos seus apartados e que lles tiren o máximo proveito.
O conselleiro de Cultura e Educación, pola súa banda, salientou a importancia do emprego do galego nas relacións xurídicas, “fundamental para que a cidadanía as coñeza e as comprenda”. Román Rodríguez explicou tamén que “o mundo contemporáneo chama á lingua galega a novos retos, que esixen unha actualización permanente, ligada ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC”; e sinalou a presentación deste portal como parte deste proceso.
Co nome de Portal Xurídico galego e base de datos de lexislación galega consolidada este novo recurso telemático recollerá no enderezo web Lex.gal a totalidade da lexislación galega consolidada e comentada, desde a preautonomía á actualidade, que manterá actualizada a tempo completo. Asemade, ademais das leis, o portal acollerá tamén gran parte dos decretos do Executivo galego e unha cantidade importante das ordes das consellerías. Relacionado con todo isto, na presentación fíxose fincapé na importancia de que a normativa se forneza en modo consolidado e en galego, “unha posibilidade de acceso que ata o de agora era case nula para o dereito propio de Galicia”.
Na rolda cos medios tamén se recordou que a web servirá como “punto de acceso a distintos recursos xurídicos, preferentemente en lingua galega, xa dispoñibles na actualidade pero dispersos”. Deste xeito, engadiuse, “será a porta de entrada tanto a publicacións oficiais (Diario Oficial de Galicia, Boletín Oficial do Estado, boletíns provinciais, etc), como a páxinas de diversas institucións que producen información xurídica de relevancia”.
Acceso e novidades
Co fin de facer posible o acceso ao contido dispoñible, o portal incorpora un sistema de buscas, tanto nos distintos eidos de cada norma coma no propio texto da mesma, “de tal forma que o usuario poda atopar a que máis se axusta á súa consulta”, destacaron este luns as entidades implicadas no desenvolvemento de Lex.gal, engadindo que “as normas aparecen codificadas de xeito sistemático por grandes bloques de materias, o que permite o acceso rápido ao conxunto delas nun determinado eido”.
A páxina ofrece tamén un bloque de novidades no que se irán publicando novas de interese relacionadas co dereito de Galicia, tanto lexislativas como xuriprudenciais, informes, etc; “útil para manter unha actualización permanente sobre o dereito propio”.
Na cita cos medios tamén se fixo saber que o proxecto comezou a desenvolverse no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Consellería de Cultura e Educación, a través do denominado Código de dereito galego en liña.
En marcha Lex.gal, o portal para garantir o Dereito en galego
Compartir Este Artigo

