Onte celebrouse unha xuntanza para avaliar o importante traballo dos nosos centros de I+D nos campus e, tamén, para albiscar e consolidar novos xeitos de facer que ese traballo aínda sexa máis importante do que é (máis medios materiais, fomento das sinerxías, máis e mellor colaboración coas entidades e empresas da nosa terra e de alén dela, etc). Falamos das sete unidades de investigación de referencia do Sistema Universitario de Galicia, SUG, cuxos directores reuníronse co conselleiro de Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, co fin de amosar e salientar cadansúas liñas científicas. A xuntanza tamén se dirixiu a debullar o recente recoñecemento outorgado polo Goberno galego a estas sete unidades: máis de 13 millóns de euros dende o dito departamento, cubrindo ata 2019 e co obxectivo duplo de salientar o esforzo destes referentes e investigación e “fortalecer as súas capacidades e o seu emprazamento no plano internacional”.
Entre os centros distinguidos atopamos tres directamente relacionados coas novas tecnoloxías da información máis avanzadas: o CITIC (A Coruña), o CiTIUS (Santiago) e AtlantTIC (Vigo). A estes centros súmanse o CIQUS, o CIMUS, o CINBIO e o ECIMAT.
Durante a xuntanza, Román Rodríguez recoñeceu “o relevante traballo científico, tanto a nivel de xestión como de resultados”, que están levando a cabo estes centros como maiores motores da I+D+i no Sistema Universitario de Galicia. Salientou, nun plano máis detallado, “a súa alta capacidade de captación de proxectos de investigación –máis de 63 millóns de euros no trienio 2013-2015– e a aposta pola transferencia de resultados”. O conselleiro engadiu que nese mesmo período, “as diferentes investigacións destas sete unidades xeraron preto de 28 millóns de euros á sociedade, o que redunda, en definitiva, no benestar xeral da cidadanía”.
Á reunión asistiron, ademais do conselleiro e do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, os cargos directivos dos agora acreditados como “centros de investigación singulares de Galicia”. En concreto, trátase de Manuel Penedo do CITIC (Universidade da Coruña); José Luis Mascareñas do CIQUS e Carlos Diéguez do CIMUS (ámbolos dous centros da Universidade de Santiago de Compostela); e, pola Universidade de Vigo, África González Fernández do CINBIO e Jesús Souza Troncoso do ECIMAT. Tamén estiveron presentes representantes das dúas “agrupacións estratéxicas consolidadas” que veñen de acadar esta denominación: Paulo Félix Lamas, director do CITIUS (USC) e o profesor Carlos Mosquera Nartallo, en representación do AtlantTIC, da UVigo.
O conselleiro interesouse polas liñas científicas actuais e de futuro de cada un dos centros e garantiu o apoio a longo prazo do seu departamento.
As axudas
Segundo informa a Consellería, as axudas devanditas (co-financiadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) “concedéronse tras un proceso de concorrencia competitiva en función dunha serie de criterios que, de xeito obxectivo, valoraron a calidade científico-técnica, a capacidade e as características destas unidades e dos seus proxectos estratéxicos de investigación, en consonancia cos retos contidos na RIS3 Galicia, e tamén co esquema da Unión Europea reflectido no Programa marco de investigación, desenvolvemento e innovación horizonte 2020, co fin de procurar a obtención de retornos sociais nun prazo medio e longo”.
En total, a Consellería mobiliza máis de 13 millóns de euros cunha finalidade definida: “Recoñecer a excelencia das mellores unidades de investigación do SUG e garantir a súa estabilidade financeira a longo prazo”.
O Goberno galego gaba o músculo innovador dos nosos centros de excelencia investigadora
Compartir Este Artigo

