A Consellería de Medio Ambiente anunciou esta semana que vai facer “un esforzo importante” para fortalecer e impulsar a presenza das nosas riquezas naturais ao abeiro das novas tecnoloxías da información. Isto materializarase a través do primeiro Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, unha iniciativa que conta cun orzamento de 4 millóns de euros e cuxo segundo eido de actividade será, precisamente, a promoción e comunicación do tesouro medio ambiental galego. O primeiro será o artellamento dunha “nova oferta de recursos en torno aos espazos, atendendo sempre a súa conservación, a sustentabilidade, o seu valor paisaxístico e a biodiversidade”. O terceiro eixe refírese á educación ambiental, á divulgación e a vertente de investigación científica. En total levaranse a cabo 30 actuacións ao longo dos vindeiros catro anos.
Nun plano estritamente tecnolóxico, o plan recolle a posta en marcha da que sería “a primeira plataforma web da Rede de Parques en Galicia”, que se desenvolveu en colaboración coa Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Trátase, sinalou Medio Ambiente, “dunha plataforma dixital necesaria para ofrecer, ás persoas que queren visitar os parques, toda a información para gozar e sacar o máximo proveito da súa visita”. Incluirá información práctica sobre como chegar, as visitas e roteiros que poden realizar unha vez que estean nos parques, ou os servizos cos que alí se van atopar; en definitiva, facilita o acceso á información e valoriza estes espazos e a súa contorna.
Medio Ambiente tamén lembra, ao abeiro do devandito, que se fixo unha renovación da aplicación para dispositivos móbiles e que “agora contén información máis actualizada e accesible, tanto dos valores dos parques como os recursos que se atopan nos mesmos”, e establece ligazóns cos servizos de información de concellos e mancomunidades da súa área de influencia. A ferramenta móbil ampliarase para incluír na mesma o conxunto de espazos protexidos da Comunidade, ao tempo que “se fomentará a presenza nas redes sociais do patrimonio natural e o uso desta canle como ferramenta de promoción e valorización”.
Os nosos principais emprazamentos naturais contarán cunha plataforma web de seu
Compartir Este Artigo

