Por segundo ano, a Facultade de Informática da Coruña (FIC) convocou o seu Premio ao Mellor Traballo de Fin de Grao (TFG) Aplicado da FIC, un galardón co que se busca enxalzar e visualizar a capacidade investigadora e desenvolvedora do alumnado. O Premio, que será de 1.500 euros para o gañador e de 500 euros para os dous accésits, xa ten finalistas. Trátase de cinco estudantes cuxos traballos teñen o denominador común de abrir novos vieiros de actividade e aplicación para as novas tecnoloxías. Os gañadores daranse a coñecer neste mes de xaneiro. A iniciativa, que vai pola segunda edición, diríxese ao alumnado con cualificación de matrícula de honra que defendese o seu traballo no curso 2015/2016.
Os finalistas son: Josman Pedro Pérez Expósito (polo seu proxecto para o control de produción dun viñedo a través de sensores, co obxectivo de mellorar a calidade e aumentar o volume baseándose en factores externos e internos accesibles mediante unha interface web), Juan Santos García-Toriello (polo seu sistema integrado para a creación e publicación de levantamento catastral na República de El Salvador), Elías Grande Casedas (polo sistema para o manexo e xestión de árbores familiares orientadas ao apoio e ao diagnóstico clínico de doenzas hereditarias), Esteban Abanqueiro Agrelo (co deseño e integración dunha aplicación web para a xestión de proxectos de homologación de reformas en vehículos para unha empresa real) e Óscar Blanco Novoa (quen defendeu un sistema de domótica para a xestión enerxética intelixente).
Cómpre sinalar que desta volta, a edición conta co patrocinio de importantes empresas como Everis, Grupo Voz, Indra, Instituto Tecnolóxico Galego (ITG) ou Telecom, amais da colaboración do Centro de Investigación TIC (CITIC) e a Fundación Universidade da Coruña (FUAC).
O xurado que avaliará o aspecto técnico das solicitudes presentadas e o interese práctico do desenvolvemento das mesmas será conformado polas propias empresas colaboradoras. A resolución comunicarase en xaneiro de 2017.
O premio ao mellor traballo fin de grao convocado pola FIC xa ten finalistas
Compartir Este Artigo

