LanceTalent, a plataforma galega para axudarnos a contactar cos máis renomeados expertos independentes en innovación, emprendemento e financiamento, conseguiu en 2016 unha salientable taxa de éxito en materia de proxectos: unha porcentaxe de iniciativas desenvolvidas con testemuños positivos (feedbacks) que chegou ao 99%. Este fito, acadado logo dos importantes esforzos desenvolvidos ao longo de dous anos (dende 2014) co fin de afinar ao máximo en algoritmos e xestión da reputación, ten un piar importante nos procesos seguidos para a selección de expertos freelance. En termos concretos, todos os especialistas independentes de LanceTalent son avaliados polo miúdo e só o 5% acadan o nivel requirido.
Como lembraremos, LanceTalent é unha iniciativa do emprendedor galego Lalo García, de quen falamos recentemente en Código Cero para dar conta da posta en marcha de Conector Startup Accelerator. O alicerce que sustenta a plataforma é facer o máis doado e eficaz posible o proceso de facernos (sexamos emprendedores, autónomos, PEME ou start-ups) cos mellores expertos independentes para seren subcontratados co gallo de impulsar ao máximo os nosos proxectos. A idea é que nada máis publicar a nosa proposta de traballo poidamos recibir axiña as ofertas dos especialistas máis acaidos, poñéndose ao noso alcance (tamén) as ferramentas precisas para adxudicar o proxecto e pagalo en liña.
Os traballos desenvolvidos ao longo dos dous últimos anos servíronlle a LanceTalent para acadar fitos como a devandita taxa do 99% (a taxa de proxectos executados con resultados positivos) ou unha porcentaxe do 80% relativa á cantidade de clientes que repetiron e publicaron máis dun proxecto.
LanceTalent afina puntería na interacción entre PEME e expertos freelance
Compartir Este Artigo

