AMTEGA vén de facer reconto da actividade no ano que vimos de deixar atrás do seu Centro Demostrador TIC, un dos seus instrumentos máis directamente encamiñados a amosar o talento e as capacidades das nosas firmas do sector, amais dun espazo para a xuntanza empresarial, para a dixitalización e para o impulso ao mercado (quen demanda tecnoloxías galegas concretas, por así dicilo, vainas atopar). Segundo fai saber a axencia, o Centro rematou 2016 con máis dun centenar de accións encadradas no devandito: en amosar as potencialidades dos nosos servizos TIC ás firmas en proceso de modernizarse e optimizarse.
Ademais, máis de 460 empresas e case 1.500 persoas asistiron a algunha destas actividades. En cuestión de formación, foron 60 as que traballaron co centro neste labor.
A axencia AMTEGA, co fin de amosar unha imaxe xeral da actividade xerada, vén de subir á súa canle de YouTube unha peza audiovisual con varios xerentes de firmas usuarias do centro, achegando cadanseus puntos de vista sobre as posibilidades do CDTIC. Este vídeo, a maiores, confirma en boa medida a vertente audiovisual consolidada este ano que vimos de deixar atrás polo centro. Segundo informan os responsables do mesmo, un total de doce PEME de diferentes sectores (Elena Ferro, Mariscos Comesaña, Gadiex Placotec, SienteGalicia, Viña Costeira, Todotaladros.com, LV Vogue, TGM Toldos Gómez, Veraleza, Termaria, Wekab e Cabomar) empregou o devandito formato de vídeo-experiencias para dar conta das vantaxes de integrar novas ferramentas TIC nos negocios de calquera nicho ou ámbito empresarial. Dalgunhas destas experiencias, por certo, tamén dimos conta nós dende Código Cero ao longo dos meses pasados, por exemplo de Veraleza e Termaria, e tamén de Wekab e Cabomar.
AMTEGA, amais do devandito, tamén salienta no seu reconto de actividades a “total renovación da web do CDTIC”, cdtic.xunta.gal, co obxectivo “de consolidarse como o portal de referencia para a transformación dixital das PEME en Galicia”. A remodelación, por certo, consistiu nunha refeitura do deseño, “máis accesible e intuitivo”, engadindo un formato “máis visual e interactivo”, así como unha meirande adaptación da web aos diferentes dispositivos de conexión e formatos de pantalla.
No resumo de actividades, a maiores, tamén se informa de que a aplicación móbil do CDTIC, dispoñible para Android e iOS, xa foi quen de ir alén das 150 descargas, permitindo aos usuarios consultar a axenda de actividades do centro, incorporalas ao seu calendario persoal, inscribirse nestas e compartir contidos a través das redes sociais.
Alén de todo o que dixemos, o CDTIC Virtual, servizo para probarmos e avaliarmos aplicacións na nube nunha contorna privada durante un período de 15 días, incorporou dúas novas aplicacións: Prestashop, unha ferramenta do sistema de comercio electrónico e Alfresco, un xestor documental que automatiza a xestión, almacenamento e preservación de documentos dixitais relacionados cos procesos da organización. Este servizo rexistrou ao longo do ano un total de 45 solicitudes para a utilización das mesmas.
O CDTIC rematou ano con máis dun centenar de accións demostrativas e divulgativas
Compartir Este Artigo

