O libro dixital na nosa terra non semella ter os mellores agoiros para o ano entrante. Así o fixemos saber hai uns meses cando dimos conta dun informe recente do CCG no que se constataba unha caída en 2015 dos libros editados noutros soportes diferentes ao papel (o 17,3% do total), que baixaron no mercado cinco puntos porcentuais respecto do ano anterior. Os agoiros negativos veñen de ser confirmados polo novo director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, que analizou para Galicia Confidencial (e tamén no seu blog persoal, A canción do náufrago) os porqués do demorado despegue do ebook entre os lectores galegos, malia ser o libro electrónico, en boa medida, a resposta das editoriais a todos aqueles seareiros para os que mercar unha lectura de máis de quince euros presentábase como unha misión imposible (o libro electrónico rolda a metade de prezo que os lanzamentos tradicionais). Segundo Francisco Castro, o negocio do libro electrónico é un ámbito de incógnitas para os selos galegos. Malia todo, no que a Galaxia se refire, un dos obxectivos da nova dirección é “meterse por completo no horizonte de dixitalización 2.0”.
En opinión de Castro, os problemas dos formatos diferentes ao papel van alén dos cambios no IVE anunciados polo Goberno, do 21 ao 4% para libros e prensa electrónica, que teoricamente tería que servir para pular a aposta dos lectores polo dixital. Porén, Castro dubida de “que sexa tan simple” e que os cambios no IVE sirvan para emendar a situación. “Gran parte do problema”, sinala o escritor-editor galego na súa entrevista con GC, “radica en que aínda non hai un hábito sólido e estendido de ler en formato electrónico”. A isto hai que engadir o espallamento doutra rutina: a de estarmos afeitos a identificar o dixital cos produtos de libre adquisición. Ou sexa, a equiparar e relacionar os termos “de balde” e “dixital”. Nas súas palabras, non deixa de ser un paradoxo que “ninguén discuta que hai que pagar por ir ver un partido do Celta de Vigo, pero si que haxa quen discute sobre se hai que pagar por ler unha novela”. Segundo apunta, unha cousa é a venda de ebooks e outra moi distinta é a lectura dixital. A primeira é baixa a día de hoxe, sostén, mais a segunda ten un bo estado de saúde e amosa un interesante potencial de actividade.

Galaxia quere inverter a tendencia á baixa do libro electrónico
Compartir Este Artigo

